InicioMovementos sociaisPiden axilidade para evitar casos coma o abandono do can de Guitiriz

Piden axilidade para evitar casos coma o abandono do can de Guitiriz

As asociacións gaban o ton e o interés do concello chairego, pero lembran a responsabilidade sobre a protección contra o maltrato animal

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Asociación Animalista Libera recibiu este mércores aviso dun posible caso de maltrato animal en Guitiriz. As veciñas e veciños da localidade chairega alertaron da presenza dun can abandonado, cunha das patas dianteiras practicamente mutilada. A ferida puido ser causada polo trato neglixente das persoas responsables do cánido.

Logo da advertencia, os servizos xurídicos da Fundación Franz Weber puxéronse en contacto co Concello de Guitiriz para acadar unha solución rápida, que pasaría polo rescate do can e o seu inmediato tratamento veterinario. Esta é a fórmula que contempla a nova Lei de Benestar Animal de Galicia.

O goberno local trasladou a estes colectivos animalistas que os servizos municipais levan días tratando de capturar a este can doméstico, para proporcionarlle os coidados necesarios e activar, en caso de ser posible, o seu proceso de adopción para ofrecerlle unha vida mellor.

Dende Libera e a FFW gaban a premura da resposta e o ton empregado polo executivo de Guitiriz, aínda que lembran que a normativa vixente obriga a todas as entidades locais ou mancomunadas a contar cun servicio de auxilio e acollida para os animais abandonados ou extraviados. Esta competencia estaba incluída xa na norma de protección animal derogada.

As asociacións a prol dos animais censuran que na provincia de Lugo existe un importante número de concellos que carecen do preceptivo servizo. Asemade, rexeitan frontalmente o formato da canceira que a Deputación provincial ten previsto abrir en Monforte de Lemos, que cualifican de “macrocanceira”.

Os animalistas propoñen a reestruturación dos fondos para financiar centros máis pequenos, mancomunados e conveniados coas organizacións non gubernamentais. Segundo anunciou a Deputación, a canceira de Monforte terá espazo para 150 exemplares e prestará servizo a 21 municipios do sur de Lugo.

Libera e a FFW subliñan que este modelo é máis propio para o almacenamento que para un centro de acollida de animais abandonados. Estas asociacións sinalan os problemas existentes no centro homólogo de Ourense, tamén financiado pola administración provincial. No canto dunha gran canceira pública, abogan por imitar as políticas das deputacións da Coruña e de Pontevedra, con liñas de subvencións para que as protectoras locais poidan asumir esta xestión coa mellora das instalacións propias.

Segundo explican estes colectivos, a fórmula pensada para o sur da provincia de Lugo non aborda a necesidade de sensibilizar á cidadanía, ao contrario do que sucede noutras provincias onde as campañas informativas son regulares. Libera e FFW aseguran que as imaxes do can de Guitiriz ás que tiveron acceso son “dantescas”, e obrigan a un debate sobre o trato responsable e a atención aos animais alén da provincia lucense.

ÚLTIMAS

A Deputación de Lugo lanza unha aplicación gratis de emprego para conectar oferta e demanda na provincia

A Deputación de Lugo lanzou unha aplicación de móbil gratuíta co obxectivo de facilitar o contacto...

“Situación moi complicada” na provincia de Lugo por choivas torrenciais, con inundacións en rúas da capital

Meteogalicia --dependente da Consellería de Medio Ambiente-- avisou dunha "situación moi complicada na maior parte da...

Lugo mellora os datos de reciclaxe e aposta por ampliar a compostaxe doméstica

A reciclaxe de envases lixeiros propios do colector amarelo aumentou na cidade de Lugo...

O TSXG avala que H&M cambiase a cea de empresa de Nadal por un almorzo na súa tenda de Lugo

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou que a...