InicioMovementos sociaisCulpan á nova adxudicataria do peche do Punto de Encontro

Culpan á nova adxudicataria do peche do Punto de Encontro

O presidente da Asociación Dignidad, que xestionou ata agora o centro, di que sempre cubriron os períodos vacacionais con máis persoal

PUBLICADA O

- Advertisement -

Logo de saberse do inminente peche por vacacións do Punto de Encontro Familiar de Lugo, a asociación contra as agresións machistas Si, Hai Saída denunciou que a falta de alternativas supoñía un risco para quenes están en necesidade de acudir ao centro. Sinalados polas críticas, os ata o de agora xestores replican que a medida corresponde aos novos adxudicatarios, pois durante os últimos anos sempre foron cubertos os períodos vacacionais con máis persoal.

Así o asegura Fernando Pérez, presidente da Asociación Dignidad de Lugo. Este colectivo leva un lustro á fronte do centro social sito na Canella da Deputación, á beira do Pazo de San Marcos. Malia que por decreto regulador do Punto de Encontro Familiar é posible realizar un descanso na primeira quincena de agosto, explica, nunca deixaron desatendido o centro nesta época grazas ao emprego de persoal engadido.

O problema sería da nova adxudicataria, sinala Pérez, que foi a que decidiu pechar entre o 1 e o 15 de agosto. Este mes de xuño o concurso público valorou as propostas e propuxo á Fundación Camiña Social para facerse cargo do PEC. Con todo, e segundo figura na Plataforma Pública de Contratos de Galicia, o contrato está pendente de adxudicación.

Así as cousas, o PEC estará inactivo a primeira quincena de agosto e non hai alternativas á vista. Normalmente, este centro pecha luns e martes todo o día, así como xoves pola tarde. Isto xa supoñía dificultades para a tutela de menores en risco de sufrir violencia doméstica, pero como sinalan dende Si, Hai Saída, a clausura temporal ocasionará “indefensión” para as vítimas da violencia de xénero e os seus fillos.

Segundo sinala a presidenta deste colectivo, Marta Rodríguez Engroba, esta situación é “un capítulo máis” da xestión do Punto de Encontro. “Isto é unha mostra máis da desprotección” e das “deficiencias” polas que “non se evidencia preocupación algunha”. O uso do PEC, lembra Rodríguez, depende de resolucións xudiciais e está especialmente orientado aos menores en situación de risco; polo que o seu peche expón a perigos a quen por necesidade acode ao centro.

Por outra banda, lamenta que se fixeran “oídos xordos” fronte as críticas, o que impediu ata o de agora paliar as deficiencias sinaladas polos colectivos especializados en violencia de xénero.

ÚLTIMAS

Falta de pediatras na Fonsagrada, Baleira e Castroverde

A asociación de consumidores Facua en Galicia dirixiuse ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) para denunciar a "falta...

Unha talla de madeira provoca graves impactos en mámoas de Lugo

As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de presentar unha denuncia perante a Dirección...

José Tomé pide precaución xunto ao río Rato tras supervisar os danos da borrasca Olivier

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao alcalde de Lugo,...

Rescatan unha muller ferida tras envorcar co seu coche en Guntín

Unha muller resultou ferida e acabou atrapada tras envorcar o seu coche no municipio...