EFE.- Axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo interceptaron en Lugo un turismo con seis ocupantes no seu interior, entre eles un preso fuxido do cárcere de Bonxe. Ocorreu durante un dos controis establecidos para comprobar o cumprimento das restricións en materia de circulación viaria.
A Garda Civil informa de que esta circunstancia xa é constitutiva dunha infracción administrativo en condicións normais, posto que o número de ocupantes do vehículo superaba o de prazas. Pero, ademais, o desprazamento non se “atopaba dentro das actividades previstas” no estado de alarma para a circulación polas vías de uso público.
Así pois, os axentes procederon á identificación de todos os pasaxeiros do coche. Desta maneira puideron comprobar que varios dos ocupantes tiñan numerosos antecedentes policiais, mentres que un deles estaba baixo orde de detención e ingreso en prisión ao non regrasar ao cárcere tras gozar dun permiso penal.
RELACIÓN CON ROUBOS EN BARES
Sabido isto, os axentes solicitaron presenza da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Lugo, cuxos efectivos se presentaron no lugar. O citado individuo estaba fuxido desde hai varios meses do Centro Penal de Bonxe e, ademais, estaba a ser investigado pola Garda Civil pola súa suposta participación nos roubos de vehículos e en locais de hostalería que se sucederon nos últimos meses nas provincias de Lugo e A Coruña.
Concretamente, os investigadores do instituto armado atribúenlle a súa participación nun roubo perpetrado na madrugada do pasado 1 de febreiro, cando se deu á fuga nun vehículo subtraído, “poñendo en risco a circulación e a integridade dos efectivos que trataban de detelo”.
Por este motivo, ademais do seu reingreso inmediato no centro penal, policialmente instrúense dilixencias por delito de roubo de vehículo de motor, contra a seguridade viaria e desobediencia grave a axentes da autoridade. EFE