InicioPolíticaO PP aproba con Martínez o novo regulamento da Deputación

O PP aproba con Martínez o novo regulamento da Deputación

A modificación de urxencia do funcionamento orgánico outorga máis poder ao pleno en detrimento da xunta de goberno

PUBLICADA O

- Advertisement -

O pleno ordinario de xuño da Deputación de Lugo saldouse con vitoria para o tándem Manuel Martínez – Partido Popular. De novo o esforzo conxunto do deputado díscolo e o grupo liderado por Elena Candia resultou en beneficio mutuo, aproveitando a aritmética favorable da que desfrutan. Coa sociedade do solo Suplusa en desmantelamento, a entente forzou un cambio interno para reforzar o seu poder no pleno a costa da xunta de goberno.

A sesión estivo marcada pola tensión dende o comezo, pola moción do grupo socialista para esixir independencia informativa na TVG, onde se suceden as denuncias de manipulación. Álvaro Santos, voceiro e secretario xeral dos socialistas lucenses, encabezou a proposta e foi tamén obxecto de importantes acusacións dende a bancada popular, por supostamente empregar a Fundación TIC coma altofalante do goberno provincial.

Manuel Martínez, deputado non adscrito e alcalde de Becerreá, fixo o seu por alimentar o conflito. Logo de criticar o modelo da Fundación –que ten un convenio coa Deputación– e facer referencia aos soldos na entidade do audiovisual lucense, cargou contra Santos e falou de presións sobre os xornalistas. Con todo, terminou por absterse e a moción saíu adiante, instando a elixir un novo director de consenso para a CRTVG.

O pleno desenvolveuse entre longas explicacións e asuntos resoltos por necesaria unanimidade. A proposta de Martínez de eliminar as dedicacións propias da Deputación desencadeou novas recriminacións, neste caso contra o presidente Darío Campos e o deputado Lino Rodríguez. Como era de esperar, o Partido Popular non apoiou a solicitude, pero Martínez insistiu en presumir que aínda é presidente de Suplusa.

Os deputados socialistas escenifican o seu apoio ás protestas dos traballadores da TVG | PSdeG

Aliás, quedaba a maior polémica para a fin da dilatada sesión. O grupo popular presentou unha moción de urxencia para tratar a modificación do regulamento da Deputación. Foi o único xeito que tivo o PP de conseguir que este texto, con varias enmendas a cargo de Martínez, fose votado en pleno. Malia as obxeccións algo improvisadas de Santos e o desconcerto de Campos, a moción resultou aprobada.

Os populares xustificaron o cambio no funcionamento interno para “respectar ás minorías” do pleno. Segundo argumentou Candia, os socialistas incumpren os acordos plenarios e forzan o regulamento de xeito arbitrario para neutralizar as iniciativas da oposición. Asemade, os cambios servirían para adaptar a norma á lexislación vixente en materia de transparencia. Na práctica, o acordo supón reforzar a fiscalización do pleno sobre a xunta de goberno.

Mentres a voceira dos populares acusaba ó Partido Socialista de “fuxir dos consensos”, o seu homólogo Santos replicaba que esta clase de cambios non poden facerse sen contar coa unanimidade dos representantes provinciais. Dende o executivo lembran que a anterior norma si foi consensuada, e afirman que a modificación promove o transfuguismo –xa que outorga maiores medios aos grupos non adscritos– e ralentiza a administración, pola retirada de competencias á xunta de goberno en favor do pleno.

ÚLTIMAS

Denunciado en Lugo un condutor baixo os efectos do alcol, que se saíu da vía e chocou contra un sinal

Axentes da Policía Local de Lugo denunciaron a un condutor que deu positivo no...

ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian danos en dúas mámoas do Camiño Primitivo na Fonsagrada

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e Mariña Patrimonio veñen de...

A Deputación reclama á Xunta investimentos para atender persoas maiores na provincia

O Pleno da Deputación de Lugo reclamou á Xunta un plan de investimentos específico...

Arquivada a causa aberta contra o presidente de Castilla y León por unha entrada para ver ao Real Madrid

O maxistrado do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Joaquín Brage, asinou este...