InicioEconomíaA ampliación do colexio de Outeiro de Rei comezará en xullo

A ampliación do colexio de Outeiro de Rei comezará en xullo

As obras teñen un prazo de execución de seis meses, coa previsión de que a obra principal estea rematada co comezo do curso e non interfira coas clases

PUBLICADA O

- Advertisement -

Coincidindo co inicio das vacacións escolares, a Xunta de Galicia dará inicio á ampliación do Colexio Laverde Ruíz de Outeiro de Rei. As obras comezarán nos vindeiros días, cunha adxudicación de 865.600 euros a cargo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo este xoves unha xuntanza coa directora do centro, Noa Piñeiro, e outros representantes do equipo directivo. Na reunión participaron tamén o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, a subdirectora de construcións e equipamento da Consellería, María Jesús López, a xefa territorial da Consellería en Lugo, Mariña Gueimunde, e os responsables do proxecto e da empresa adxudicataria (Ángel Jove, S.A.), entre outros.

Balseiro explicou as previsións de desenvolvemento dos traballos, a iniciar na primeira semana de xullo coa demolición da cuberta. As obras teñen un prazo de execución de seis meses, coa previsión de que en setembro estean rematadas tanto a nova estrutura como as obras interiores, para non interferir no normal desenvolvemento das clases.

A Xunta licitou esta actuación con tramitación urxente debido á necesidade de dar resposta ao incremento do censo escolar do municipio, que xa levou a ampliar o aulario de Educación Infantil nos anos 2014 e 2015. Polo de agora está contemplada a construción dunha nova planta que dará cabida a oito aulas máis, despacho e aseos adaptados, todo nunha superficie de 806 metros cadrados adicionais.

Outras reformas

Amais de engadir unha segunda planta, o outro gran cambio do colexio de Outeiro de Rei xurdirá da nova formulación da cuberta: abranguerá completamente o patio interior, sobreelevada sobre a cuberta propia dos espazos educativos, xerando un lucernario perimetral que evitará que se reduza a iluminación na zona central. Os ventanais de peche dos corredores cara ao patio substituiranse por varandas, transformando o patio nun espazo comunicado e aberto.

O proxecto obriga a modificar tamén outras dotacións, como o incremento de medidas de protección contra incendios, para o que se construirá unha escaleira exterior de seguridade e bocas de incendio equipadas en cada planta e no exterior.

No primeiro andar reordenaranse espazos para ampliar o corredor que conduce ao polideportivo e zonas de xogo, cunha baixada ao exterior con escaleira e rampla adaptada, reorganizaranse os aseos e ampliarase a sala de profesores.

Respecto do equipamento, instalarase asemade unha nova caldeira de gasoil, procurando un mellor control e rendemento do sistema, así como tomas informáticas de voz e datos e todos os servizos auxiliares precisos.

ÚLTIMAS

O Concello defende a licitación da xestión do Vello Cárcere e acusa ao PP de “mentir e manipular”

O secretario de Estado, Fernando Martínez, mostrou a súa satisfacción polo resultado do proceso...

Lugo impulsa o mantemento da Muralla no 25 aniversario do seu Patrimonio da Humanidade

O Concello de Lugo aprobou na súa xunta de Goberno a licenza que permitirá...

A Garda Civil salva a unha muller desorientada na A-8 en Mondoñedo

A Garda Civil auxiliou a unha persoa que camiñaba desorientada pola noite pola autovía...

Polémica pola licitación do contrato do Vello Cárcere a pesar dos informes de intervención

O Partido Popular de Lugo, con Elena Candia á cabeza, criticou a decisión do...