Segue o éxito de O que arde. O filme, dirixido por Oliver Laxe e rodado nos Ancares, vén de gañar o galardón a Mellor Película Europea nos Premis Gaudí da Acadèmia del Cinema Català. O equipo de O que arde dedicoulles o premio a todas as persoas galegas que viven en Catalunya. Durante o discurso, no que conxugaron galego e catalán, tamén reivindicaron o poder do rural.
O director do filme, Oliver Laxe, lembrouse de “todos os galegos que viven en Cataluña, que viron e apoiaron a película, que encheron as salas”. Pola súa parte, o produtor Xavi Font agradeceu o recoñecemento a unha cinta “cun contido tan fráxil”, “feita na periferia e no rural galego”. Precisamente, Xavi Font quixo destacar que é “responsabilidade” de todos “coidar o noso rural, que é gran parte da nosa memoria”.
L’estatueta a Millor pel·lícula europea se’n va cap a ben aprop: Galícia, amb el colpidor film “Lo que arde” dirigit per Oliver Laxes
https://t.co/lpB49fkFBV pic.twitter.com/gRrfKr5xFJ
— Premis Gaudí – Acadèmia del Cinema Català (@academiacinecat) January 19, 2020
O filme, coprotagonizado polo fonsagradino Amador Arias e pola corguesa Benedicta Sánchez, competía con outras tres películas: La favorita, de Yorgos Lanthimos; Lazzaro feliz, de Alice Rohrwacher, e Retrato de una mujer en llamas, de Céline Sciamma.
MELLOR FOTOGRAFÍA
As impresionantes imaxes de O que arde fixeron que a cinta tamén resultara triunfadora na categoría de Mellor Fotografía, obra de Mauro Herce.
Así pois, O que arde conseguiu dous importantes galardóns unha semana antes da celebración dos Premios Goya, nos que o filme está nomeado en catro categorías: mellor película, mellor dirección, mellor actriz revelación e mellor fotografía.