InicioSociedade'24 horas con Benedicta': un programa da TVG dará a coñecer o...

’24 horas con Benedicta’: un programa da TVG dará a coñecer o día a día desta actriz do Corgo

Este luns 13 de xaneiro, ás 22:35 horas, as cámaras acompañan a Benedicta Sánchez na aldea onde vive, na horta da súa casa ou a carón do río Chamoso. Lembrará as súas vivencias no Brasil, contará como se sente despois de 'O que arde' e mesmo recibirá unha sorpresa por parte dos seus achegados.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Televisión de Galicia emitirá este luns 13 de xaneiro (22:35 horas) un programa especial no que pasarán ’24 horas con Benedicta’. Esta actriz de 84 anos, veciña do Corgo, lembrará os seus anos de emigración no Brasil, explicará como lle cambiou a vida tras o éxito de O que arde (Oliver Laxe, 2019) e amosará como é a súa rutina diaria na súa casa en San Cosme de Manán.

A presentadora Olaya Rivas viaxará ata O Corgo para coñecer a Benedicta Sánchez máis alá das cámaras de cine ou das alfombras vermellas. Ela, que sempre presume de levar unha vida rural e conectada coa natureza, ha de achegarnos ás súas orixes e á súa contorna: dende a horta da súa casa ata as aldeas onde naceron seu pai e súa nai.

Así mesmo, o programa da TVG levaraa a carón do río Chamoso, lugar onde os seus achegados lle teñen preparada unha sorpresa. A actriz, nomeada aos Premios Goya na categoría de Actriz Revelación, escoitará o que pensan dela os seus coñecidos tras vela actuar na gran pantalla.

Por último, Benedicta Sánchez tamén se desprazará ata a cidade de Lugo, onde residen a súa filla e netos. Alí, uns e outros contarán como se fraguou a decisión de presentarse ao cásting de O que arde, pero tamén haberá tempo para mergullarse nas vellas fotografías que lembran o pasado de Benedicta en Río de Xaneiro, onde se gañou a vida disparando instantáneas.

“Eu estou entre dous mundos!”, confesaba ela mesma ao Lugo Xornal nunha entrevista o pasado verán. Esta noite, as galegas e galegos terán a oportunidade de coñecer esoutro mundo de Benedicta Sánchez.

Benedicta Sánchez: a vida de película desta muller do Corgo antes de ser unha estrela en Cannes

ÚLTIMAS

Seguen hospitalizados 3 dos 6 intoxicados con deterxente nunha pulpería de Lugo durante o San Froilán

Tres das seis persoas que tiveron que ser ingresadas a pasada fin de semana...

Ratifican sete meses de cárcere para unha nai de Lugo que impediu visitas ao seu fillo por parte dos avós

O Tribunal Supremo confirmou a condena a unha muller de Lugo por un delito...

Finalizan as obras para mellorar o sistema de saneamento do Cebreiro

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición...

Aprobada a licenza urbanística para ampliar as instalacións da protectora de animais

O Concello de Lugo completou este mércores o proceso administrativo necesario para legalizar e ampliar as...