Europa acelera na cuestión enerxética e o novo goberno central quere aproveitar o vento de cola. Para 2030, o 32 por cento da enerxía producida en nos estados da Unión terá que ser de orixe limpo. Asemade, prohibiuse a nivel comunitario o denominado ‘imposto ao sol’, que grava o autoconsumo eléctrico, alomenos ata 2026. As reticencias do anterior executivo e os cambios de estratexia das grandes compañías xeradoras deixan un panorama ecléctico no mix eléctrico. E Lugo quedou entre tres modelos distintos.
Hai apenas trece quilómetros entre Xermade e a central das Pontes de García Rodríguez, xa na provincia da Coruña. É a instalación productora de enerxía térmica máis grande de España, catro grupos para 1470 MW. O seu tamaño a situou no punto de mira dos movementos ecoloxistas, pero tamén supón un baluarte polo que loitar. Por iso Endesa fixo un esforzo por restaurar a vella mina, agora lago artificial, e por limitar a contaminación atmosférica nesta central.
A propietaria inviste na actualidade 200 millóns de euros para reducir un 80 por cento a emisión de partículas, un 70 por cento a emisión de dióxido de xofre e máis dun 60 por cento do óxidos de nitróxeno. Esta modernización permitirá a partir de 2020 cumprir cos estándares europeos e seguir funcionando á máxima potencia, un requisito que a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, asegurou que esixirá para manter en funcionamento este tipo de instalacións.
Son en total 15 as térmicas que operan en España por enriba dos límites a nivel comunitario e dos recentes acordos do Congreso dos Deputados, que puxeron o foco na eliminación do carbón. Isto implicou a aceleración, co cambio de inquilino da Moncloa, da clausura de sete centrais que empregan este recurso e que non realizarán investimentos para reducir as emisións. Deste xeito, producirase o peche definitivo das centrais bercianas de Anllares –en tratmitación– e de Bárcena –probablemente para 2019–.
A comarca do Bierzo, xusto ao leste de Lugo, é en si mesma unha contradición permanente. Alí conviven restos da minaría depredadora e altamente contaminante, dúas grandes centrais en proceso de desmantelamento, e o proxecto para unha nova planta de biomasa en Cubillos. Hai un século tentouse converter esta zona na nova Bizkaia, pero a siderurxia nunca chegou e só quedou a contaminación, problema endémico polo microclima local, que xera inversión térmica.
E despois está o modelo propio da provincia lucense, dominado polas centrais hidroeléctricas de Belesar e Os Peares –que aínda que o municipio homónimo abrangue parte da provincia de Ourense, a central está por enteiro en territorio de Lugo e comparte a instalación de control en Chantada–. Engadidas, estas hidroeléctricas teñen unha potencia de 430 MW.
Precisamente, Belesar é un icono desta clase de centrais. Foi no seu día a máis grande de España, e inaugurou unha ampliación en 2013, no cincuenta aniversario da súa construcción. Con dous novos grupos, ampliou a xeración ata os 320 MW. En 2016 fixéronse plans para incluír unha terceira instalación tanto nesta central como na dos Peares, posto que están estreitamente vencelladas.
As dúas ocupan o curso do Miño ata chegar, xa na vila ourensá, ao río Sil. A idea de Gas Natural Fenosa, agora Naturgy, era aproveitar o salto entre os dous encoros para dobrar a capacidade de xeración enerxética cun ciclo reversible: estes sistemas bombean auga nos intres de menor demanda e inxectan o líquido nas turbinas cando é preciso. Malia que en 2017 a tramitación dos permisos estaba “moi avanzada”, a obra carece de prazos.