InicioTerra CháCospeitoDenuncian actividade mineira ilegal na parroquia de Goá e novas ofertas de...

Denuncian actividade mineira ilegal na parroquia de Goá e novas ofertas de Erimsa para arrendar terras

O Sindicato Labrego Galego afirma que, aínda que en principio non ten por que resultar problemático, "non parece que sexa para botar ovellas". 

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Comisión Contra as Minas da Terra Chá vén de denunciar actividade mineira ilegal na parroquia de Goá, pois “dende hai uns días” se están a realizar labores mineiras “sen permiso”. Ademais, a Comisión traslada que a empresa Erimsa, que leva dende o 2006 tentando conseguir autorización para explotacións mineiras na zona e acumulando xa varias sentenzas desestimatorias dos permisos, está a ofrecer contratos de arrendamento a veciñas da zona do Arneiro. Dende o Sindicato Labrego Galego sosteñen que aínda que en principio non ten por que resultar problemático, “non parece que sexa para botar ovellas”.

O Sindicato Labrego Galego, a través da súa responsable Margarida Prieto, vén ademais de  rexistrar a solicitude para que se proporcione por escrito a información exposta no pleno do pasado 30 de novembro. Nel, a concelleira polo PSOE Rosa Morán preguntaba ao alcalde se é que existe algunha novidade a respecto das licencias solicitadas por parte da Erimsa e concedidas ou denegadas, ou algunha sentenza nova, ao que o rexedor municipal respostou non ter coñecemento de ningunha novidade ao respecto.

SENTENZAS EN CONTRA

A empresa Erisa, de capital chinés e sede en Noruega, leva dende 2006 a teimar en
conseguir autorización para realizar traballos extractivos na zona, e leva igualmente dende entón a colleitar respostas negativas nas diversas instancias. As máis recentes, as emitidas neste mesmo ano polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que desestimaba dúas apelacións presentadas pola Erimsa contra sendas sentenzas dos Xulgados do Contencioso Administrativo de Lugo, relativas á Pastoriza e a Cospeito.

No caso da Pastoriza, a sentenza emitida en xullo polo TSXG é relativa á concesión ‘Alicia’. Esta respalda unha sentenza do Xulgado de Lugo que, por súa vez, respaldaba a actuación do Concello desatendendo unha Comunicación previa para o exercicio da actividade que Erimsa presentara en xaneiro de 2019. A empresa pretendía ampararse na vixencia dunha Declaración de Impacto Ambiental que, como concello e tribunais entenderon, xa non pode considerarse axustada.

No relativo a Cospeito as apelacións son dúas, en relación con sentenzas ditadas tamén polo Xulgado de Lugo, referentes ás concesións ‘Alicia’ e ‘Karles’. Tamén se discute sobre a vixencia da Declaración de Impacto Ambiental e, onde a Erimsa pretende que está facer unha modificación e reducción do proxecto inicial de explotación, tanto o Tribunal en Lugo como o Tribunal de apelación conclúen que se está a falar dun novo proxecto que esixe nova tramitación e informes. En definitiva, que non poden conservarse tramitacións vellas que ademais nunca deran lugar a unha autorización ou licenza administrativa.

Dende a Comisión esixen que por parte da Consellaría de Industria declaren caducadas as concesións, e que en consecuencia “se poña fin aos labores mineiros por parte da Erimsa na Terra Chá“.

ÚLTIMAS

A ARMH homenaxeará a deportados lucenses en campos nazis co proxecto ‘Stolpersteine’

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) iniciará a próxima semana as...

O Concello de Lugo reclama á Xunta o financiamento do SAF segundo o “custo real”

O goberno local lucense defenderá no pleno deste mes unha proposición para reclamar á...

Lugo acusa á Xunta de ser a responsable de que haxa 618 persoas dependentes sen axuda no fogar

O goberno local lucense defenderá no pleno deste mes unha proposición para reclamar á...

Absolven o terceiro acusado de deter ilegalmente unha menor en Vilalba

A Audiencia Provincial de Lugo absolveu ao terceiro acusado de deter ilegalmente a unha...