InicioSociedadeIníciase a aplicación da vacina de AstraZeneca a profesionais do SAF en...

Iníciase a aplicación da vacina de AstraZeneca a profesionais do SAF en Lugo

O Sergas está preparando a loxística para que o 22 de febreiro arrinque a vacinación do colectivo dos grandes dependentes e maiores de 80 anos

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) inicia hoxe, venres 12 de febreiro, o proceso de vacinación co antídoto de AstraZeneca aos profesionais sociosanitarios de Servizo de Axuda ao Fogar (SAF) menores de 55 anos. Son arredor de 300 persoas.

O xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares Rico, explicou así que se dá comezo á fase de vacinación do que o Ministerio de Sanidade denomina ‘grupo 3’ e no que se inclúen os profesionais sociosanitarios que non son de primeira liña.

No caso galego, o Sergas empezará polo persoal do SAF ao entender que son “grupo de risco por desprazarse de domicilio en domicilio para axudar a persoas maiores ou dependentes”. Posto que se trata da vacina de AstraZeneca, só se administrará aos profesionais adultos de ata 55 anos.

Unha vez rematada a vacinación deste colectivo, procederase a continuar con outros profesionais sociosanitarios que non son de primeira liña.

GRANDES DEPENDENTES E MAIORES DE 80

Ramón Ares tamén explicou que a área sanitaria de Lugo está a preparar a loxística para que o vindeiro 22 de febreiro se poida iniciar a vacinación do colectivo dos grandes dependentes e maiores de 80 anos. “A vacina vaise administrar nos centros de saúde das cabeceiras de comarca e nos outros seis de Lugo cidade”, precisou.

Polo momento trabállase na elaboración das axendas e da citación dos pacientes, e dende o Sergas agardan que a finais de marzo xa estea completada a aplicación da primeira dose a todas as persoas deste grupo.

RESIDENCIAS E PROFESIONAIS SANITARIOS

Desta maneira, avanzaríase nun proceso de vacinación cuxa primeira fase se centrou nas residencias sociosanitarias. Segundo Ramón Ares Rico, “practicamente xa se rematou de vacinar coas dúas doses a todos os profesionais e residentes” dos xeriátricos. Son, en total, unhas 7.000 persoas.

Para ser máis exactos, Ares indicou que “faltaban tres residencias que no momento da vacinación tiñan un gromo activo”, mais agora xa recibiron a primeira dose e están á espera da segunda nunhas semanas. Tamén se referiu ao centro de maiores de Castroverde, que comezou a funcionar despois de que arrincara a campaña de vacinación. “Tamén se cubriu xa esta residencia”, subliñou.

Por outra parte, o outro grupo que xa recibiu as dúas doses son os profesionais sanitarios de primeira liña, tanto aqueles de Atención Primaria como aqueloutros dos tres hospitais públicos da provincia e dos centros concertados. “Son preto de 4.000 persoas que xa teñen as dúas doses postas”, dixo Ares.

“Esta semana comezamos a vacinar o resto de profesionais sanitarios de centros públicos e privados. Esperamos ter rematado o luns da semana que vén”, estimou.

+ posts

ÚLTIMAS

O PPdeG acusa o Goberno central de atrasar infraestruturas viarias na provincia de Lugo

O PPdeG denunciou este sábado atrasos e falta de avances nas infraestruturas viarias estatais...

A Audiencia de Lugo xulga un home acusado de agredir sexualmente unha muller que non podía prestar consentimento

A Audiencia Provincial de Lugo acollerá o vindeiro luns e martes o xuízo contra...

O San Froilán programa 346 actividades e pechará cun espectáculo de 500 drones e a Orquestra Panorama

O San Froilán 2026 contará con 346 actividades entre o 4 e o 12...

O PP denuncia que o Goberno “non ten data” para abrir a nova estación intermodal de Lugo

Os senadores do PP de Lugo advertiron de que o Goberno de España “non...