A Xunta ordena o confinamento de Vilalba

O peche perimetral entra en vigor na medianoite deste venres 20 de novembro.

Control da Garda Civil de Lugo no marco do estado de alarma. GARDA CIVIL DE LUGO

A Xunta de Galicia ordena o peche perimetral do concello de Vilalba despois do gromo na residencia de maiores que agravou os datos de contaxios que xa se viñan rexistrando na localidade.

O subcomité clínico de expertos que fai seguimento da evolución de covid-19 en Galicia vén de acordar o establecemento de novas medidas restritivas nos concellos de Vilalba e A Laracha, ao tempo que decidiu suavizar as restricións vixentes no concello ourensán do Carballiño.

Tras a xuntanza deste venres, o grupo de expertos que avalía a expansión do coronavirus na comunidade galega acordou incorporar dous novos concellos ao grupo de municipios con restricións especiais, o que implica o seu peche perimetral e, polo tanto, a posta en marcha dun novo confinamento. O concello de Vilalba verá reforzadas as súas restricións desde as 00:00 horas deste venres 20 de novembro. O DOG recollerá hoxe as medidas en detalle.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña subliña que se se cumpren as medidas decretadas polo Executivo galego, os concellos poderán aliviar paseniñamente as súas restricións”. Na provincia de Lugo, agora son cinco os concellos con restricións de nivel 3 e, polo tanto, con peche perimetral: Lugo, Burela, Viveiro, Monforte e Vilalba.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here