Unha muller de 75 anos diagnosticada de coronavirus faleceu nas últimas horas na área sanitaria de Lugo. A dona permanecía baixo atención hospitalaria a domicilio e presentaba patoloxías previas, segundo fontes da Consellería de Sanidade.
Trátase da primeira persoa na provincia de Lugo que morreu con coronavirus na súa casa, en base aos datos que facilita o Sergas. O resto de falecementos foron rexistrados nos tres hospitais públicos da área sanitaria e nunha residencia de maiores de Foz.
Con este falecemento, a provincia de Lugo xa alcanza as 26 vítimas mortais pola pandemia da COVID-19. Onte, un octoxenario que estaba no HULA e un nonaxenario que ingresou en Monforte foron as dúas últimas persoas finadas.
472 MORTES EN GALICIA
En canto ao conxunto galego, o coronavirus xa levou a vida de 472 persoas na comunidade. Un dos últimos decesos foi o dun home de 35 anos ingresado no Complexo Hospitalario de Santiago.