InicioSociedadeO acusado de matar o seu pai a golpes en Monterroso alega...

O acusado de matar o seu pai a golpes en Monterroso alega que a morte “foi accidental”

Fiscalía pide 20 anos de prisión por homicidio e a prohibición de achegarse ao seu fillo, que presenciou o sucedido con 4 anos. Porén, a defensa do procesado insiste na "inocencia" e recalca que o detido "é un home incapaz de facerlle iso ao seu pai". Asegura que todo é "unha confusión" e pide a libre absolución do seu cliente.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O acusado de matar o seu pai a golpes no municipio de Monterroso alega que a morte foi “accidental”, polo que a súa defensa pide a libre absolución. O xuízo, con xurado, iniciouse este mércores na Audiencia Provincial de Lugo.

A morte accidental é o argumento que empregará a defensa de P.L.L. durante o xuízo. Antes de entrar na sala, o letrado, César Lodos, avanzou que a súa estratexia se baseará na “inocencia” do acusado. “Trátase dun erro, porque a morte foi totalmente accidental”, sostivo.

“Isto, unido a unhas declaracións desafortunadas desa persoa (o seu cliente), que estaba  bastante bebida nese momento, leva a unha confusión que o mantén durante dous anos en prisión“, explicou o avogado. “Imos desenmarañar esa confusión e vai quedar libre”.

OS FEITOS

Os feitos polos que P.L.L. está a ser xulgado sucederon en marzo de 2018, na parroquia monterrosina de Esporiz. A Fiscalía pide vinte anos de prisión para o acusado polo suposto homicidio do seu pai. Ademais, solicita a prohibición de achegarse ao seu fillo de catro anos, que presenciou o ocorrido.

O pai presentaba mobilidade reducida e precisaba asistencia. Segundo a acusación pública,  o procesado propinoulle múltiples patadas e puñadas por todo o corpo (cabeza, peito e as costas). Ademais, tería empregado un berce metálico para golpear o seu proxenitor e causarlle a morte.

“FERIDAS MENORES”

César Lodos salientou que o acusado é “un home incapaz de facerlle iso ao seu pai”. “P. deixou a súa vida por atender o seu pai”, abundou. Ademais, o letrado tamén asegurou que “ningunha das feridas que presenta o seu pai lle puideron causar a morte”. “Non son feridas traumáticas. Son feridas menores”, razoou.

Segundo a xustificación do avogado, as feridas producíronse por mor dunha caída da vítima. “Era un home de avanzada idade e caeu varias veces. Ao final enmarañouse todo un pouquiño na declaración de P. no momento do levantamento do cadáver. Iso levounos ao erro que nos trae hoxe aquí”, argumentou.

Lodos tamén censurou que “o traballo da fiscalía é acusar e nunca admite que pode estar errada”. “A fiscalía vai seguir ata o final, pero hoxe vaise demostrar que é un erro, que se solicitan 20 anos de prisión, algo que está fóra da realidade do Código Penal, que establece de dez a quince anos. É unha cadea de erros”, insistiu o letrado.

RELACIÓN PAI-FILLO

En canto á relación entre o acusado e a vítima, o avogado apuntou que era “a típica dun pai e un fillo que viven xuntos”.  “Podía haber algúns insultos entre eles pero nada máis”, engadiu.

O acusado atópase na prisión de Monterroso desde que ocorreron os feitos e, tal e como puntualizou finalmente o seu avogado, está “tranquilo” porque  “confía” en que hoxe poida dicir “por fin” o que pasou para que todo o mundo vexa “que non é un asasino”.

+ posts

ÚLTIMAS

A Deputación de Lugo rexeita unha moción do PP para impedir o pagamento da defensa xurídica de Tomé

O pleno da Deputación de Lugo viviu este martes un intenso debate a raíz...

Operación policial en Lugo para desarticular unha rede que explotaba mulleres colombianas, hai un detido

A Policía Nacional, nunha operación desenvolvida conxuntamente con autoridades policiais de Colombia, desarticulou unha...

A Deputación esixe á Xunta a retirada do decreto que pecha os centros de saúde os sábados

  O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes reclamarlle á Xunta de Galicia...

O Concello de Lugo inicia actuacións para a recuperación da contorna do Miño

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, visitou hoxe a contorna dos Robles para presentar...