InicioSociedade'Leiras e Marcos' dos Ancares: "Se ía falar das cousas d'eiquí, quería...

‘Leiras e Marcos’ dos Ancares: “Se ía falar das cousas d’eiquí, quería falar coma a xente d’eiquí”

Conversamos coa autora de 'Leiras e marcos', un proxecto dixital que tenta "conectar" coa xente dos Ancares para "enraizala" e convencela de que "eiquí tamén se pode vivir". A través de relatos cheos de retranca e historias da nenez, os textos tínguense de denuncia social para reivindicar uns servizos dignos para o rural. E, xa de paso, defender a fala propia: "Non me tiña sentido que eu lle lera algo á miña avoa e non se vira reflectida na forma de dicilo".

PUBLICADA O

- Advertisement -

“Eu nacín nas Nogais –coñeces?–;  nun puebliño das Nogais alí ao lado de Torés”.  Sentirse parte dun lugar…, que cousa máis xeitosa! “Estudei en Madrid durante un tempo e botaba de menos a casa. Non sen, as cousas d’eiquí“.  ‘Eiquí‘ veñen a ser os Ancares e esa rapaza morriñenta que fala é quen se agocha detrás de ‘Leiras e Marcos’, un proxecto que rula por Internet e que presume das particularidades da comarca: a fala, a xente, a paisaxe, os costumes, as potencialidades… “Nos Ancares pódese vivir”, aínda que “hai moita denuncia social que facer”.

Esta chousa virtual —con forma de revista dixital (‘Leiras e Marcos’)— arrendouna hai cousa dun ano unha moza noviña que naceu e medrou nas Nogais. En conversa co Lugo Xornal, di que prefire manter o anonimato de cara ás lectoras e lectores. “É máis divertido así”, ri. Se cadra o que pasa é que tampouco entende esa leira como propiedade privada, senón como un espazo común da veciñanza, onde poder compartir lembranzas e conversar das súas cousas.

“A TRAVÉS DO IDIOMA ALGO SEMPRE CHE VOLVE”

Ela é quen primeiro o fai: tanto na páxina web coma en Facebook, a autora publica textos que falan da vida diaria dos Ancares. Escríbeos tal e como escoitou parolar toda a súa vida, con eses trazos dialectais tan característicos da área. “Non é que rexeite o galego normativo, pero se ía falar de cousas d’eiquí, quería falar coma a xente d’eiquí . Iso tíñao clarísimo. Non me tiña sentido que eu lle lera algo á miña avoa e non se vira reflectida na forma de dicilo”, explica.

Esta ‘lerianta’ (como ela se refire á súa comunidade de Facebook) conta que recibiu o agradecemento de varias persoas por “recuperar palabras que xa perderan”. “Xente que vive fóra tenme dito que lle recordo moito a como falaban seus abuelos ou a como falaban eles de pequenos. Iso paréceme súper gratificante. Penso que a través do idioma algo sempre che volve, aínda que só sexa a morriña e queiras vir pasar unha fin de semana eiquí“.

VISIBILIZAR OS PROXECTOS INNOVADORES

De feito, esa é a súa principal teima: conectar coa xente, especialmente coa mocidade, para “enraizala” na terra e intentar que queiran vivir alí. Ela mesma estivo a piques de emigrar a Inglaterra por traballo. Quince días antes de marchar, decidiu non facelo. “Que non, que non. Eu quedábame aquí”, relata. Di que existe esa presión social de ter que marchar para atopar un traballo. “Moitos vanse, pero non fan ese exercicio de reflexión de que eiquí tamén se pode vivir. Eiquí hai unha cantidade enorme de proxectos e de xente que están revolucionando as formas de facer. O medio rural xa non é só agricultura e vacas. Defendo moitísimo iso, pero tamén vexo que é unha forma de vida moi pechada que exclúe a persoas que non queren dedicarse a iso”.

As súas publicacións, logo, vanse tecendo a través de anécdotas da nenez, moitas veces escritas en primeira persoa. “Moitos dos recuerdos que teño son de cando era pequecha. Se conseguimos que os nenos desfruten do medio rural e se queiran quedar aquí, ao final estaremos traballando para ter adultos que se queiran quedar tamén”. Así e todo, esas lembranzas que comparte mestúranse coa denuncia social. “Cando dás unha mensaxe moi simple, que é o que fan os pequenos, chega mellor”, pensa a creadora de ‘Leiras e Marcos’.

Os Ancares Lucenses | Xunta de Galicia
DENUNCIA SOCIAL

A outra gran cuestión que ha de reivindicar no seu cacho de terra dixital é a deficiencia nos servizos públicos no rural.  “Non pode ser que intentemos fixar poboación e que teñamos pediatra dous días á semana ou un centro de saúde pechado pola noite. Ten que haber uns servizos básicos que che aseguren as condicións de habitabilidade”, afirma. Avanza que esa será a súa “principal cruzada” nas vindeiras publicacións. Velaí un extracto dunha delas, para abrir boca:

« Fai unhos días que se nos escangallou a televisión de pago […] Aló fomos chamar á centralita […]

—Dígame usted, señorita, entonces en qué calle vive de Cezures. […] ¿No hay una urbanización? […]

— Mira, pero en Cezures haiche cinco casas […] Calles non che hai. […]

—Pues señorita… Yo…

— Pois… filla, xa te chamarein logo cando nos poñan as calles.»

Escribir con gusto e retranca sobre “as cousas que lle pasan á xente d’eiquí” provoca que esas persoas (“e outras de fóra!”) se identifiquen con eses episodios rutinarios e que conecten co que publica a autora. A acollida é “brutal”, confesa, así que “Leiras e Marcos súper pre diante!”

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...