O IES Lucus Augusti, de Lugo, o CPR Sacra Familia de Vilagarcía de Arousa e a Universidade de Santiago de Compostela foron os gañadores da décima edición da competición de debate por equipos Parlamento Xove.
O certame, organizado pola Consellería de Política Social e cuxa final se disputou este sábado no Parlamento de Galicia, constou de tres categorías segundo o nivel de estudos que cursan os equipos: ESO, Bacharelato e Universidade (esta última foi incluída por primeira vez este ano).
Así, o centro arousán foi o gañador na categoría de Educación Secundaria, o lucense da de Bacharelato e o equipo do campus compostelán da USC levouse o primeiro premio na categoría universitaria. Ademais dos premios colectivos, déuselles un recoñecemento especial tamén aos mellores oradores individuais de ESO e Bacharelato.
En total, participaron na competición 242 estudantes distribuídos en 52 equipos –formados por catro estudantes e un profesor–. E á final que se resolveu na mañá deste sábado chegaron 81 alumnos, repartidos en 52 equipos procedentes de 12 centros educativos galegos e das tres universidades galegas.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, presidiu a final acompañado da conselleira de Política Social, Fabiola García, a directora Xeral de Xuventude, Cristina Pichel, unha deputada representante do PSdeG e outro do BNG. O tema tratado polos novos oradores foi a cuestión sobre se “Sería a democracia directa un mellor sistema que a democracia representativa?”.
“DIALÉCTICA E DEBATE COMO ALICERCES”
Ao finalizar a competición e unha vez entrados todos os premios, o presidente do Parlamento deu un discurso a modo de clausura. Así, Santalices destacou o papel deste certame como unha iniciativa que “estimula o traballo en equipo, a competición dialéctica e un debate sosegado, alicerces de calquera sociedade plural, na que as sensibilidades non coincidentes cohabitan en harmonía, tal e como sucedeu aquí esta mañá”
Do mesmo xeito, puxo en valor a, segundo el, crecente participación por parte do alumnado nestes debates: “O desenvolvemento desta competición acredita que o gusto pola oratoria e a argumentación, lonxe de ser unha rara excepción, como ocorría décadas atrás, é hoxe unha realidade fecunda”.
Por último, lamentou a non renovación da final estatal deste certame celebrada no Senado e organizada pola Conferencia de Presidencias de Parlamentos Autonómicos (Coprepa) e asegurou que fará todo o que estea na súa man para que volva realizarse no futuro. Ademais, reflexionou sobre o poder da oratoria, unha disciplina na que, tal e como expresou “a forza das ideas supera con fartura á capacidade de persuasión da forza bruta”.