InicioPolíticaPSOE, BNG e PP aproban por unanimidade a organización da Deputación de...

PSOE, BNG e PP aproban por unanimidade a organización da Deputación de Lugo

José Tomé cualificou as propostas como "xustas e equilibradas" e destacou que, entre as súas homólogas en Galicia, a institución lucense é a que menos contía dedica a retribucións da corporación e persoal eventual.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Corporación provincial aprobou por unanimidade no Pleno extraordinario celebrado este martes a organización que rexerá o funcionamento orgánico da Deputación neste mandato 2019-2023. O goberno bipartito de PSdeG e BNG na Deputación non atopou trabas por parte dos populares e o pleno discorreu sen sorpresas.

Así pois, tratáronse as cuestións da periodicidade e hora das sesións plenarias e da Xunta de Goberno, a creación e composición das comisións informativas, o nomeamento de representantes da Corporación en órganos colexiados, o réxime de retribución dos membros da Corporación, a asignación económica aos grupos e o cadro de persoal eventual. Así mesmo, tamén se deu conta das resolucións de Presidencia de nomeamento da Vicepresidenta, a composición da Xunta de Goberno, a delegación das áreas de goberno e a designación de voceiros dos grupos provinciais.

SALARIOS E RETRIBUCIÓNS ECONÓMICAS

En canto ao réxime de retribucións  da Corporación, mantense o importe dos salarios que viñan percibindo tanto o Presidente como o resto dos integrantes da Corporación que tiñan retribución da entidade provincial. Para este mandato, ademais das dedicacións do Presidente e a Vicepresidenta, aprobáronse 7 dedicacións exclusivas, dúas ao 50% e outras dúas ao 75% para os deputados e deputadas do Goberno, ademais de 3 dedicacións exclusivas e unha parcial para o Grupo Provincial do Partido Popular, que deste xeito sube media dedicación con respecto ao anterior mandato.

En canto á asignación aos grupos políticos da Corporación, mantéñense os importes do pasado mandato: un compoñente fixo de 4.000€ ao mes por grupo político e un compoñente variable de 1.500€ ao mes por cada membro do grupo.

Polo que respecta á proposta sobre o cadro de persoal eventual, contempla 25 postos, dos cales 8 corresponden ao Grupo Provincial Socialista; 3 ao Grupo Provincial Popular; 3 ao Grupo Provincial do BNG; 7 á área de Presidencia; e 4 á de Vicepresidencia.

Con respecto das últimas propostas de Goberno para o Pleno de Organización increméntase en 1,5 dedicacións, repartidas entre Goberno e oposición, e 2 postos en persoal eventual.

Coas retribucións aprobadas hoxe, tal e como destacou o Presidente, a Deputación de Lugo segue sendo a máis económica de Galicia, isto é, a que menos contía dedica a retribucións da Corporación e persoal eventual. O soldo do Presidente, que se mantén nos 67.500€, é ademais o máis baixo dos catro presidentes provinciais.

DELEGACIÓN DE ÁREAS E VOCEIROS

Seguindo o xa anunciado a semana pasada polo presidente, o reparto de competencias non agocha sorpresas. Así, José Tomé compaxinará a área de Xestión Territorial (que inclúe Vías e Obras) coa Presidencia. Mayra Gómez Bermúdez ocuparase de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas. A área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo será responsabilidade de Pilar García Porto; e a de Promoción Económica e Social, de Pablo Rivera Capón. En Participación Cidadá estará Roberto García Pernas; María Loureiro en Muller e Igualdade; e Xosé María Arias en Cooperación e Asistencia aos Concellos. Ademais, Ana González Abelleira levará Formación, Ensino e Economía do Coñecemento; Roberto Fernández Rico, Recursos Sostibles; e José Luis Raposo, Medio Ambiente.

No bando nacionalista, Maite Ferreiro ocuparase de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística. Efrén Castro será quen estea á fronte de Deportes, Artesanía e Deseño da Memoria Histórica e, por último, Mónica Freire Rancaño termará da área de Medio Rural e do Mar.

Na sesión de hoxe tamén se deu conta da designación de voceiros dos grupos políticos provinciais. Pilar García Porto será a do PSdeG; Efrén Castro, polo BNG; e Elena Candia, polo PP.

PLENO, XUNTA DE GOBERNO E COMISIÓNS INFORMATIVAS

O Pleno ordinario manterase o último xoves de cada mes, ás 11.00h., e a Xunta de Goberno, os venres de cada semana, igualmente ás 11.00h. Este órgano está formado por 9 deputados. Ademais do Presidente e a Vicepresidenta, intégrano Pilar García Porto, Pablo Rivera Capón, Mayra García Bermúdez, Roberto Fernández Rico, Xosé María Arias Fernández, José Luis Raposo Magdalena e Mónica Freire Rancaño.

Asemade, créanse dúas Comisións Informativas: a Xeral de Asuntos do Pleno e a de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, que preside José Tomé e ten 3 integrantes do grupo provincial do PP, 3 do PSOE e 1 do BNG.

VALORACIÓNS DO PRESIDENTE

O Goberno acadou co PP un acordo en todos os asuntos, polo que non houbo intervencións na sesión plenaria. O Presidente definiu as propostas aprobadas como “xustas e equilibradas”, que contribúen “a poñer as bases para unha boa e eficaz gobernanza da Deputación, co fin de que sexa útil aos concellos e aos veciños e veciñas da provincia. Tamén garanten que os grupos políticos teñan a capacidade, os recursos e os medios suficientes para desenvolver a actividade que lles é propia, dentro da concepción digna da política que defendemos”.

ÚLTIMAS

O Goberno ratifica que “nas próximas semanas” abrirá o tramo Melide-Palas de Rei da A-54

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, ratificou que "nas próximas semanas" abrirá o...

Colectivos contrarios á factoría de Altri convocan una manifestación para o 15 de decembro

A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa acusaron...

A Deputación de Lugo aproba un orzamento de 130,4 millóns para 2025, destinado a “mellorar servizos públicos”

A Deputación de Lugo aprobou este martes, cos votos dos grupos de PSOE e BNG e...

Redadas en bares de Lugo rematan con 65 indentificados e a incautación de diferentes tipos de droga

Os axentes do Grupo Operativo Nocturno da Unidade Territorial de Policía de Barrio de Lugo,...