InicioMedioambiente e PatrimonioCinco roteiros explicarán a historia a través do patrimonio da provincia

Cinco roteiros explicarán a historia a través do patrimonio da provincia

Historia de Galicia organiza andainas guiadas con diferentes temáticas a partir do 15 de setembro, concienciando do patrimonio de seis concellos lucenses

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os dominios de grandes cabaleiros galegos, tesouros históricos agochados na Montaña, vales e canóns cheos de igrexas, petróglifos e castros. A nova xeira de Rutas de Historia abrangue a provincia de Lugo para amosar a riqueza oculta e concienciar do valor do patrimonio xa coñecido. Historia de Galicia organiza, co soporte da Deputación, cinco roteiros a través de seis concellos lucenses en colaboración con entidades patrimoniais galegas.

Rutas de Historia inclúe cinco itinerarios de sendeirismo que se desenvolverán desde o 15 de setembro ao 20 de outubro. Os roteiros transcorrerán polos municipios de Xove, Becerreá, A Fonsagrada, Monforte, Sober e A Pobra do Brollón.

Os participantes poderán desfrutar da costa mariñá, do Val de Lemos, da Serra dos Ancares ou do Canón do Sil nunhas actividades que abarcarán varios períodos históricos –desde o Neolítico á época contemporánea– e que farán fincapé na necesidade de coidar o territorio.

Entre os guías das andainas estarán o presidente de Mariña Patrimonio, Manuel MirandaMiguel Losada, secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA); Manuel Gago, director de Cultura Galega e investigador; Elixio Vieites, investigador e membro de Patrimonio Galego; Xabier Moure, presidente de Patrimonio dos Ancares; Paula Vázquez Verao, do Colado do Vento, ou Xurxo Ayán e Xosé Gago do Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo.

Os motivos das rutas son ‘Na procura dos castros que naceron á beira do mar’; ‘Polas terras irredentas de Lemos: a última gran batalla dos guerrilleiros en Galicia’; ‘As pegadas prehistóricas, románicas e etnográficas no Canón do Sil, o río que fixo Galicia’; ‘As ánimas, os mouros e os misterios milenarios dos Ancares’ e ‘Camiñando pola Idade do Ferro na carretera da República’.

Todas elas terán unha duración de entre catro e cinco horas, e celebraranse pola mañá, o sábado ou o domingo. Os participantes deberán levar roupas axeitadas para a actividade, ademais de comida e bebida para o camiño.

A organización dos roteiros pactará con restaurantes locais un menú para os participantes que así o desexen, ademais de facilitar aloxamento nas vilas onde comezan os roteiros. No 2017 participaron na iniciativa 500 persoas de toda Galicia, e máis de 150 optaron polas opcións de comida e hospedaxe facilitadas polos organizadores.

INSCRICIÓNS

Os participantes deberán inscribirse, previamente, na páxina web do proxecto, xa que Historia de Galicia dotará a todos eles dun seguro obrigatorio en caso de accidente. Os participantes terán que pagar cinco euros en concepto de reserva dos que serán devoltos unha vez participen na andaina. O motivo da medida é evitar o acontecido o pasado ano cando houbo persoas que, finalmente, non acudiron á andaina imposibilitando que foran outras.

De dereita a esquerda, Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio; Argelio Fernández, alcalde da Fonsagrada e vicepresidente da Deputación e Xurxo Salgado, impulsor de Historia de Galicia
De dereita a esquerda, Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio; Argelio Fernández, alcalde da Fonsagrada e vicepresidente da Deputación e Xurxo Salgado, impulsor de Historia de Galicia

Na presentación de Rutas de Historia participaron o vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández, o coordinador da iniciativa e impulsor de Historia de Galicia, Xurxo Salgado, e o presidente de Mariña Patrimonio, Manuel Miranda. Fernández subliñou que “estas rutas son un bo reclamo para atraer turistas e dinamizar a economía do noso rural”.

Salgado, pola súa banda, destacou que “o proxecto, no que colaboran diversas entidades e asociacións locais, centrarase este ano nas riquezas patrimoniais de Lugo”.

Ademais da Deputación, Abanca patrocina estas andainas, nas que colaboran Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Patrimonio dos Ancares, o Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo, o Colado do Vento ou o Colectivo Capitán Gosende.

+ posts

ÚLTIMAS

A Xunta denfende o servizo de Urxencias do HULA e o PSdeG acúsao de “tapar e ocultar”

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reivindicou o servizo de Urxencias do Hospital...

A Deputación non colabora na Vuelta a España feminina e desminte ao PP provincial de Lugo

A Deputación de Lugo enviou un comunicado aos medios en resposta ao PP provincial....

Deteñen un home en Portugal que fuxira dunha prisión en Lugo durante un permiso

A investigación do Grupo Operativo de Preveción da Delincuencia da Comisaría de Policía Nacional...

O PP critica que PSOE e BNG escolleran a Tomé para representar á Deputación na presentación da Volta a España feminina

Os deputados do Grupo Provincial Popular critican a decisión que onte tomaron PSOE e...