Investigadores do Campus de Lugo sintetizan dúas feromonas da velutina

Este novo paso para controlar á vespa asiática engádese á obtención do veleno e á inminente secuenciación do xenoma da especie invasora

Xesús Feás forma parte do grupo da USC que traballa para obter biocidas e parásitos contra a velutina | Óscar Bernárdez
Xesús Feás forma parte do grupo da USC que traballa para obter biocidas e parásitos contra a velutina | Óscar Bernárdez

Os investigadores coñecen cada vez mellor os factores que favorecen e limitan a presenza da velutina, especie apenas coñecida incluso na zona de orixe. Malia a falta de medios, os esforzos conxuntos da comunidade científica produciron notables avances de cara a controlar o impacto da vespa asiática nos ecosistemas colonizados e limitar a súa expansión. Dous dos progresos máis importantes foron posibles na Universidade de Santiago de Compostela, en parte pola persistencia e a visión de conxunto de Xesús Feás.

Este investigador multidisciplinar da Facultade de Ciencias de Lugo, membro da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, presidiu o simposio internacional arredor da velutina celebrado na cidade amurallada en 2016. Feás leva unha década analizando o efecto da velutina sobre as colmeas de abellas. En 2017, foi seleccionado no marco dun convenio entre a Deputación da Coruña e a USC para a obtención dun biocida específico contra esta especie invasora.

Así, forma parte dun proxecto sen equipo de traballo específico no Campus Terra, pero baseado no contacto e a aportación de coñecemento de expertos en diferentes eidos, tamén doutras universidades a nivel internacional. En concreto, Feás coordina o traballo vencellado a un cebo específico, marcando un fito que pode resultar trascendental ao sintetizar dúas feromonas que atraen aos machos da velutina.

Estas dúas feromonas foron descobertas no outono pasado por un equipo chinés, e foron logo obtidas en laboratorio no Campus de Lugo. Así e todo, Feás desbota calquera signo de euforia. “Probalas no campo, testalas e ver a súa eficacia son palabras maiores”. Saben, polos traballos realizados, que este cebo ten que aplicarse en determinada concentración e dependendo das características do ambiente en que a velutina vai copular. “E aínda así, non sabemos que efecto terá na poboación e na expansión da vespa”.

O emprego da feromona plantexa novas cuestións. Como retirar aos machos do medio ambiente? Que efectos terá na poboación? “Hai que ser honestos. Non podemos sacar isto da chistera e dicir que vai ser a panacea”, advirte Feás. O problema de base é o escaso coñecemento que hai arredor da velutina.

Vespa velutina | Xesús Feás - vespavelutina.co.uk
Vespa velutina | Xesús Feás – vespavelutina.co.uk

“Hai unha plasticidade total na especie”. Isto implica que as analoxías con outros insectos do xénero son improcedentes. Os niños, por exemplo, aparecen en épocas tempranas, con colonias activas en novembro e decembro, e niños construídos xa en febreiro, baixo terra, en zonas urbanas, en árbores, nas cornixas dos edificios. “Estamos vendo que hai niños embrionarios que teñen machos. Cal é a función dos machos?”

De xeito paralelo, Xulio Maside lidera a liña relativa aos parásitos no Campus de Santiago. Esta alternativa á loita biolóxica baséase no estudo dos insectos parásitos das vespas velutinas e outros himenópteros autóctonos. “A ciencia vai despacio. Comportamentos, ciclos… canto máis coñezamos do invasor, máis capacidade de loita teremos”, explica Feás sobre a necesidade de incorporar máis financiamento e coñecemento nesta investigación.

O veleno da velutina

Outro aspecto tratado polo grupo de traballo é a do veleno. Abellas e vespas teñen veleno e comparten elementos da súa composición, mais outras partes son diferentes. Así poden entenderse casos rexistrados na literatura científica, coma o dun apicultor non sensible ás picaduras de abella, pero que sofreu unha hemorraxia cerebral logo da picadura dunha velutina. Para saber se un individuo é alérxico a este veleno da vespa asiática, era preciso extraelo.

Así fixeron no Campus Terra de Lugo, coa colaboración do grupo SWT do profesor Seijas e a profesora Vázquez Tato. Comprobaron como, en efecto, existen diferencias substanciais entre o veleno de velutina e o da vespa europea, a vespa crabro.

“Non se trata de alarmar, pero non é o mesmo risco”. Un protocolo de actuación contra a velutina requería saber a composición química do veleno, como solicitaran investigadores de China en 2015. Os achados deste equipo eran inquedantes. Na provincia de Shanxi, entre 1.675 afectados, morreran 42 persoas; e entre os 1.091 pacientes ingresados en Hubei houbo un 5,1 por cento de mortalidade. “Estes cientificos xa dixeron que a velutina convertiríase nunha ameaza para a saúde pública en países colonizados”.

O transcriptoma do veleno revelou a súa riqueza en compoñentes coma as neurotoxinas. “Loxicamente, hai xente máis sensible, como pasa coas alerxias a alimentos ou medicamentos”. Unha persoa con risco severo en contacto co veleno de velutina pode ter un shock anafiláctico, polo que a súa supervivencia dependerá da administración da inxección correspondente e do transporte a un centro sanitario.

Xesús Feás - vespavelutina.co.uk
Xesús Feás – vespavelutina.co.uk

Mentres se desenvolve a loita biolóxica e parasitaria, outras tecnoloxías poden servir de protección pasiva contra a velutina onde os usos entren en conflito coa presencia desta especie. “Tal coma os osos sempre foron ás colmeas e en Galicia se fixeron cortiñas para que non saltaran, agora temos outra ameaza, a dun insecto máis grande cas abellas do que imos coñecendo o seu modus operandi”.

Contra ela pode empregarse a arpa eléctica, que Feás insistiu en traer da man dunha empresa francesa hai dous anos. “Temos a idea, a tecnoloxía, o temos deseñado e temos o pulo dos apicultores”. Hai certas cuestións técnicas: cando as abellas enxamean hai que retirar as arpas, e hai que ter coidado cos machos, que son máis grandes.

Cando pasa a velutina electrifica, cae á auga e afoga. “Hai efectos colaterais  en certo número de abellas que caen na arpa eléctrica e que poden ser asumibles, pero habería que cuantificalo”. Asemade hai outros dispositivos, módulos protectores para as abellas e trampas. “Non haberá unha soa medida cen por cen efectiva, pero si distintas accións”.

Aproveitando a velutina: a quitina

A velutina é unha especie descoñecida incluso na zona de orixe. É por iso que Feás incide en que cómpre sumar coñecemento: en setembro, a Velutina Task Force da COLOSS –organización que investiga acerca da abella– reunirá en Bélxica a científicos europeos e asiáticos. “En Asia, a velutina é criada para obter larvas, é un recurso alimentario. Habería que tirar dese coñecemento, desa vespicultura para coñecer á especie”.

A utilidade da velutina non é allea a Feás, que estuda como aproveitar un dos seus compoñentes: a quitina. Trátase dun polímero con aplicación industrial, como é o caso da nanotecnoloxía. Malia que non serviría para combater a expansión da especie invasora, “se retiramos 10.000 niños ao ano, hai que aproveitar o produto”.

Sería un xeito de desincentivar o uso de insecticidas, para deste xeito conservar o valor do niño. Destes insectos poderían extraer a quitina, posibilidade que comparte cun grupo investigador de Turquía interesado neste proxecto. “Xa extraímos este composto, purificado e viable. Hai quilos e quilos que podemos aproveitar”.

O vindeiro avance pode chegar coa secuenciación do xenoma da velutina. Este paso é consecuencia da campaña do Instituto Sanger de Inglaterra. Ademáis da obtención da secuencia xenética, Feás subliña a importancia da cría en cautividade. “Se tes a implicación dos xenes co comportamento e as condicións físicas de reproducción, e crías a velutina en cautividade, podes manipular xenéticamente ao insecto”.

“Parece ciencia ficción, pero poñendo moitos cartos e traballando moito, poderíase chegar a pensar de erradicala en Europa. Pero aquí entran cuestións filosóficas e éticas”. Precisamente, son estas cuestións as que agora baten co emprego de biocidas. As futuras probas de campo con feromonas determinarán se esta vía é axeitada para controlar a presenza da velutina.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here