Descuberto un novo grupo de petróglifos nos Ancares de hai 4.000 anos

Están situados a 1.200 metros, no concello de Cervantes.

Petróglifo atopado nos Ancares, en Cervantes, a 1.200 metros / Colectivo Patrimonio dos Ancares

O Colectivo Patrimonio dos Ancares veñen de documentar un novo grupo de petróglifos no concello de Cervantes. No límite entre as parroquias de Donís e O Pando, a 1.200 metros de altitude, localizaron nunha pena granítica dúas combinacións de dous círculos concéntricos cada unha, unha con coviña central. A súa descuberta foi posible grazas a un documento do ano 1768 que cita A Pedra das Amboas situada nas proximidades do río de Xunquiñas e que foi reutilizada como marco de termo.

O achado pódese consideralo como casual xa que, atendendo ao topónimo, buscabamos unha pena con pías a xeito de tinas ou vasillas; de feito, “amboa” era un término utilizado en varias zonas da comarca dos Ancares para designar un recipiente grande para conter líquidos. Foi nesta pena con dúas grandes pías onde atopamos estas gravuras que presentan unha considerable erosión. A súa antigüidade ronda os 4.000 anos.

Con estes, son 23 os grupos de petróglifos que levan documentado no concello de Cervantes dende que descubriron os primeiros na Campa do Barreiro no mes de agosto de 2013 e que xa figuran no Inventario de bens culturais da Xunta de Galicia co código GA27012089. Entre outros, tamén se atopa un que Patrimonio dos Ancares localizou no ano 2015 no pico do Mustallar, a 1.875 metros, e que ata o presente son os situados a maior altitude de Galicia, que tamén foron catalogados por Patrimonio co código GA27012092; ata ese momento os descubertos a maior altitude eran os das Arcas, no concello ourensán de Manzaneda, a 1.770 metros.

Proximamente, varios bens patrimoniais, entre outros algúns dos petróglifos que levan descuberto no concello de Cervantes, van ser sinalizados con paneis e indicadores de dirección pola Deputación Provincial de Lugo, atendendo a solicitude que lle fixeron dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Anpa do CPI de Cervantes como integrantes do órgano da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here