O patrimonio histórico de Lugo, estrela do mercado inmobiliario de luxo

Os pazos son a posesión máis codiciada pero tamén hai aldeas enteiras á venda – Lugo é a provincia estrela en Galicia

Escudo dun pazo á venda preto de Cospeito | Galician Rustic

Hai escasos meses, o Concello de Vilalba recibiu comunicación de que o xacemento da Pena Grande pasaría a ser de propiedade municipal. O anuncio supuxo un alivio para quenes temían que o considerado vestixio paleolítico superior máis importante de Galicia caera en mans privadas por un prezo irrisorio. Un paquete de parcelas ía ser subastado por 8.000 euros ata que a poxa foi suspendida pola administración responsable, o Ministerio de Facenda. Tivo que ser o Concello quen solicitase a cesión do terreo, pola que aínda agarda.

Cando a utilidade pública non pode ser xustificada, o patrimonio cultural queda a disposición de posibles compradores. Incluso os bens coa máxima protección poden ser traspasados, sempre e cando non se produza expolio ou dano sobre eles. Son os titulares, segundo reflicte o marco legal, quenes deberán conservar e custodiar a herdanza dos nosos devanceiros. E por suposto, haberán de garantir o xeito de visitar o patrimonio protexido.

O particular desenrolo histórico da provincia de Lugo crea un especial atractivo para o mercado inmobiliario de luxo. A evolución social e económica, moi ligada ao sector primario, deixou aldeas e casas señoriais espalladas polo territorio. Propiedades de incalculable valor histórico e arquitectónico son agora obxecto de desexo para familias acomodadas do resto de Europa, sobre todo, que codician un dos emblemas constructivos de Galicia: os pazos.

Así o reflicte The Times, xornal de referencia para o ‘establishment’ británico. Compradores das illas atoparon na rehabilitación de aldeas un negocio, unha oportunidade para devolver a vida aos núcleos despoboados e transformalos no retiro ideal. E hai preto de 1.700 aldeas abandonadas en Galicia, algunhas das cales saen á venda coma conxunto por cantidades que oscilan entre os 50.000 e os 250.000 euros.

Muro do Pazo de Neira, no Páramo | Brujuleando

Esta é a referencia que aporta Galician Rustic, empresa sita en Rábade e fundada polo británico Mark Adkinson e a galega Rosa Costoya. Venden calidade de vida, tranquilidade e benestar, un universo bucólico de paz e natureza ao tempo que asequible. Lugo é a provincia estrela, a que máis propiedades ofrece –oitenta, tanto coma o resto de Galicia xunta– para quenes poidan asumir a rehabilitación dos inmobles rurais ou o mantemento dos pazos. Algunhas propiedades son transformadas en negocios turísticos.

Hai de todo, dende pazos con seis séculos de historia ata casas coloniais, coma a que ofrecen en Viveiro (O Fondón) por millón e medio de euros; unha xoia construída en 1927 que conta con embarcadoiro e 10.000 metros cadrados de xardíns. Por idéntico custe é posible adquirir un pazo de 1745 na Ribeira Sacra, con capela e 4.000 metros de terreo. En Cospeito hai un pazo do século XVII con 1.200 metros cadrados construídos. E para os máis ambiciosos queda o Pazo de Neira (no Páramo), un magno edificio transformado en hotel rural con xardín amurallado e vides, á venda por 2.250.000 euros.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here