O turismo contráese na provincia durante esta ponte da Constitución

O sector agarda un 60 por cento de ocupación en Lugo capital, por debaixo do ano anterior, e arredor do 50 por cento no turismo rural

Día de San Froilán, confluencia de Praza Maior e Bispo Aguirre | Óscar Bernárdez
Día de San Froilán, confluencia de Praza Maior e Bispo Aguirre | Óscar Bernárdez

A ponte da Constitución deixa entre os hostaleiros sensacións encontradas. As previsións, dun 60 por cento de ocupación na cidade de Lugo, empeoran os rexistros do ano anterior, con cifras semellantes ás de 2015 e 2016. Porén, o descenso no turismo é leve e non representa unha mala campaña.

Así e todo, o sector espera que os resultados poidan mellorar coas reservas de última hora, conscientes de que os viaxantes preparan as pontes con escasa antelación. En canto ao turismo rural, a ocupación rondará o 50 por cento, impulsado pola iniciativa de desestacionalización do goberno galego denominada Outono Gastronómico, e que incide nos produtos de tempada.

Comparativa entre zonas

En termos relativos, Lugo sitúase nun termo medio entre as cidades galegas: Santiago de Compostela superará con pouco a metade de ocupación, mentres que A Coruña pode rozar o setenta por cento. Vigo distánciase da media e aspira á plena ocupación.

Por zonas, a costa atlántica superará o setenta por cento, tanto na Costa da Morte coma no Salnés e as Rías Baixas, con cifras inferiores ás de 2017.

O turismo na provincia de Lugo: máis viaxieiros con maior estadía e gasto

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here