InicioLugo e contornaA Deputación de Lugo pide á Xunta asumir o financiamento das residencias...

A Deputación de Lugo pide á Xunta asumir o financiamento das residencias de maiores e o PP vota en contra

José Tomei recalca que o Goberno autonómico "ten a obrigación" por Estatuto de Autonomía e os populares califican de "grave" a petición.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O pleno da Deputación de Lugo sacou adiante a moción do goberno, conformado por PSOE e BNG, que empraza á Xunta a asumir o financiamento das residencias de maiores provinciais e a integralas na rede autonómica. O PP votou en contra.

Antes de entrar na sesión, de carácter ordinaria, o presidente, José Tomei, defendeu ante os medios o modelo de xeriátricos da Deputación: “Está a funcionar, porque a Xunta non chegaba a eses concellos onde era necesario”.

Neste contexto, lembrou que “no seu día” a institución provincial “tomou a decisión de cubrir ese oco” da Administración autonómica, que “ten a obrigación de facelo porque así o marca o Estatuto de Autonomía, que é unha Lei Orgánica que non viña cumprindo”.

Ademais, Tomei reivindicou que agora a Deputación ten “máis residencias abertas na provincia -cinco, máis outro tres que entrarán en funcionamento antes de que conclúa o ano- que a propia Xunta de Galicia”, que “só ten catro e o resto son concertadas privadas”.

Os seus socios de goberno, os nacionalistas liderados pola vicepresidenta Maite Ferreiro, secundaron esta petición compartindo o argumento de que é unha competencia de carácter autonómico.

“Nestes tempos de pandemia viuse a necesidade dunha atención aos nosos maiores próxima, unha atención socio sanitaria e que neste momento está en mans da Deputación, cun modelo de residencias que nós cremos que é o máis apropiado porque as persoas maiores non saen da súa contorna, quedan preto dos seus coñecidos e familiares e é unha atención máis personalizada”, defendeu.

PP: “NON É MOMENTO”

Por parte do PP, o seu portavoz no pleno provincial, Javier Castiñeira, cualificou de “grave” a petición de financiamento á Xunta, porque ao seu xuízo “demostra a incapacidade do goberno da Deputación a xestionar as súas propias residencias”.

“Agora que a rede está montada, non son as formas. E sobre todo cedelas a un modelo que critican que é un modelo mal xestionado é unha incoherencia absoluta”, lamentou.

Castiñeira advertiu que “das cinco residencias que ten activas a Deputación, hai 61 persoas que reciben libranzas da Xunta de Galicia”. “Ou sexa, que o Goberno galego xa colabora neste modelo”, afirmou.

O portavoz popular tamén asegurou que o modelo residencial actual “hai que transformalo” e “modernizalo” tras a experiencia da covid, pero recalcou que o actual “é óptimo, con suficiencia”. “Para o PP non é momento de facer ese transvasamento porque estamos a dar unha imaxe moi mala”, esgrimiu finalmente Castiñeira.

ÚLTIMAS

Cando as costureiras e modistas fan a historia do país

A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acolle a mostra “Corcosendo. A...

“Boa noticia para Lugo”, o TSXG confirma que o Concello de Lugo non ten que indemnizar ao promotor do Garañón

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou o fallo do Xulgado do...

Acepta ano e medio de prisión por insultar, acosar e ameazar a unha parella homosexual da cidade

Un home acusado de insultar, acosar, amedrentar e ameazar de morte a unha parella...

O PP oponse a rexeitar o proxecto de Altri, como pide o BNG

O Partido Popular opúxose este martes a rexeitar o proxecto de planta de celulosa de Altri...