InicioPolíticaJosé Tomé pasa a presidir a Deputación nun pleno sen sorpresas

José Tomé pasa a presidir a Deputación nun pleno sen sorpresas

O PSOE e o BNG sumaron a maioría absoluta con trece votos a favor do alcalde de Monforte, logo do acordo de goberno para o ente provincial. O novo presidente comprométese a afrontar o reto demográfico e procura desvincularse das polémicas e tensións que viñan marcando o devir en San Marcos.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Sen sorpresas. Así se resume a sesión constitutiva na Deputación de Lugo, celebrada este xoves ás 12 da mañá. O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, converteuse no terceiro presidente socialista do ente provincial. Co apoio do BNG, Tomé conseguiu 13 votos que lle aseguraban a maioría absoluta fronte a candidata popular, Elena Candia. O de hoxe foi un pleno sen sobresaltos: todo transcorreu segundo o previsto tras confirmarse o acordo de goberno entre PSOE e nacionalistas. Pero tratándose da Deputación de Lugo, esa ausencia de sorpresas é case unha sorpresa en si mesma.

O paraninfo do pazo de San Marcos estaba ateigado de persoas para a ocasión. Entre os asistentes, contábanse tamén diversas autoridades do PSdeG-PSOE. O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez ou a alcaldesa Lara Méndez foron algúns dos representantes que non quixeron perder o inicio desta nova etapa. Tamén Darío Campos e José Ramón Gómez Besteiro, ex-presidentes da Deputación, pousaron os ollos no que é agora o seu sucesor, José Tomé.

FÓRMULAS DISTINTAS PARA A TOMA DE POSESIÓN

O acto comezou solemne coa toma de posesión dos deputados do PP, PSOE e BNG. Fórmulas distintas para un mesmo cometido: os populares xuraron o cargo na súa maioría, mentres que os ocupantes da bancada socialista optaron por prometelo. Os tres deputados nacionalistas, pola súa parte, prometeron o cargo “por imperativo legal”,  coma quen quere lembrar que esa actuación non casa de todo coas súas ideas respecto das Deputacións, institucións que avogan por eliminar.

Cun ritmo lento —case que aburrido para o que nos teñen afeitos en San Marcos— o acto proseguiu. Era a quenda das votacións. Un a un, unha a unha, foron erguéndose dos asentos para depositar as papeletas que, tras o reconto, desvelaron un resultado de trece votos a favor de Tomé (co apoio do BNG) e doce a prol de Candia. Aínda sendo este o desenlace prognosticado, os aplausos encheron a sala e deixaron en evidencia a pouca efusividade dos populares que, logo si, tamén remataron por sumarse ao balbordo.

O presidente da Deputación, José Tomé, promete o cargo no paraninfo do Pazo de San Marcos.

Caras de satisfacción na bancada da formación socialista, que vivirá outro momento importante este sábado, coas primarias para a secretaría xeral da provincia. Precisamente un dos candidatos a conseguila, o alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, non agochou tampouco a súa expresión de contento ao ver a Tomé presidindo a sala. E é que un e o outro téñense intercambiado o apoio nas últimas semanas para os respectivos procesos nos que andaban envoltos.

“DEVOLVER A TRANQUILIDADE A ESTA CASA”

Miradas ao reloxo con disimulo amosaban que aquilo xa comezaba a facerse longo de máis. Se o anterior mandato estivo protagonizado pola tensión continua —incluso entre deputados que pertencían a un mesmo grupo— , este novo período presentouse hoxe cunha formalidade non moi habitual nos últimos tempos en San Marcos.

Xusto isto quixo remarcar José Tomé no seu discurso como presidente, a última peza que encaixar para dar por finalizada a sesión. “O obxectivo será devolver a tranquilidade e a normalidade institucional a esta casa”, asegurou, “ser noticia” polas medidas levadas a cabo e non por outros asuntos que rebaixan a calidade política do ente.

Así mesmo, Tomé presentou as liñas básicas nas que se fará fincapé nos vindeiros anos. Afrontar o reto demográfico e transformar a Deputación no “concello dos concellos” serán dous eixes sobre os que se mover. Ademais, no seu relato emerxeron conceptos como “transparencia“, “diálogo” ou “proximidade”, algo no que coincidía tamén Maite Ferreiro (BNG) xusto antes de comezar.

“Abrimos unha nova etapa”, insistía Tomé, unha que busca baleirar a Deputación de polémicas. E é certo: iso si que sería algo novo.

 

ÚLTIMAS

Ángel Pérez, aos seus 28 anos, perfílase para substituír a María José Gómez na alcaldía de Guntín

Ángel Pérez, concelleiro de Deportes de Guntín, perfílase para substituír a María José Gómez...

O BNG denuncia a situación da sanidade pública na Fonsagrada: atención telemática a maiores e prazas sen cubrir

A deputada do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, presentou unha serie de iniciativas para denunciar a situación...

Denunciados unha ducia de condutores en Lugo por alcoholemia positiva, un deles por cuadriplicar a taxa máxima

A Policía Local de Lugo denunciou este fin de semana a unha ducia de condutores que...

A circulación entre a rúa Armañá e a Praza de Santo Domingo estará cortada desde este martes

O Concello de Lugo informou de que, ante a necesidade de executar as canalizacións...