InicioEconomíaO San Simón da Costa, un dos grandes embaixadores de Vilalba no...

O San Simón da Costa, un dos grandes embaixadores de Vilalba no mundo

Todo preparado para a XXV edición da festa do San Simón da Costa. Un queixo moi demandado en grandes cidades españolas pera tamén en Francia, Holanda, Suiza, Finlandia, Malta, Canadá, EE.UU., Australia ou Xapón como conta nesta entrevista Ángel Ramil, xerente do Consello Regulador da DOP San Simón da Costa.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Todo listo para que esta fin de semana, 6 e 7 de abril, se celebre en Vilalba unha nova exaltación gastronómica dun dos queixos con mellor evolución no mercado destes últimos anos, o queixo se San Simón da Costa.

O evento chega este ano á XXV edición e, ademais de conseguir saír no cupón da ONCE do sábado 6, o Concello e a Asociación de Queixeiros/as quixeron dar un paso máis e confeccionar unha programación con máis música, tanto de rúa como de salón, máis actividades divulgativas e apostar por un pregoeiro galego de nivel. O escollido foi Luis Zahera, recente Premio Goya pola súa interpretación en ‘El Reino’.

No recinto feiral, en horario de mañá e tarde o sábado e só de mañá o domingo, haberá 8 queixerías amparadas pola DOP Queixo San Simón da Costa, pero tamén outros postos de produtos do pais como aceite ‘centoxcento’ Figueiredo, embutidos, repostería… e tamén algúns de artesanía.

A DOP SAN SIMÓN DA COSTA

Falamos con Ángel Ramil, xerente do Consello Regulador da DOP San Simón da Costa.

Como foi o 2018 para a DOP?

Moi positivo. Aumentou a produción e seguimos a traxectoria ascendente. En cifras o aumento tradúcese nun 4,79 %. En quilos certificados chegamos a 503.698 este ano e no 2017 a cifra foi de 408.680 quilos.

O número de queixerías mantense?

Seguimos contando con 10 certificadas. Non aumentou o número de queixerías pero podo dicirche que as oito máis pequenas dan traballo xa a 50 empregados/as.

Que me contas da internacionalización?

Moi ben tamén. O comercio internacional representa xa o 10% da produción total. Sobre 41.686 quilos exportados.

Recinto feiral. Foto: D.O. San Simón da Costa.

Levar os queixos tan lonxe igual non é doado, que ‘atrancos’ pode haber?

Hoxe as comunicacións e o transporte melloraron en calidade e en tempos pero o San Simón, como outros produtos perecedoiros, necesitan dun trato amable e moi coidadoso no seu transporte. Nese aspecto non é doado pois ás veces os queixos van en contedores con outros produtos, a almacenaxe e os trasvases non son os óptimos co cal por este lado podería mellorarse.

Premios máis destacados e recentes?

Recoñecementos moitos pero por darche un dato co que quedarnos dun queixo amparado, o “Crisanto” que foi o Mellor Queixo de España no 2017, o mellor de todas as categorías presentadas, o mellor dos mellores por así dicilo. Este mesmo recibiu o ouro na XVII Cata de queixos galegos 2018.

Que representa a Feira do Queixo de San Simón de Vilalba para a DOP?

No que respecta á venda é importante pero xa secundario. No seu día naceu para sacar produto pero hoxe ten máis un sentido promocional e incluso de intercambio comercial. A feira vai cada ano a máis, penso que está ben enfocada e o camiño non é malo.

Se tivésemos que localizar no mapa español e internacional os lugares onde hai máis demanda de San Simón, cales serían?

A nivel nacional diríache que Madrid, Cataluña e País Vasco. A nivel internacional non sei darche un ‘ranking’ pero consúmese moito en países como Francia, Holanda, Suiza, Finlandia, Malta, Canadá, EE.UU., Australia ou Xapón.

Do labor de promoción, á marxe de medios, que facedes?

Ultimamente están funcionando moi ben as charlas en escolas de hostalería e vemos tamén que chefs importantes están dándoo a coñecer en cada vez máis elaboracións gastronómicas. Cada vez é máis doado atopar tamén en restaurantes o queixo de San Simón.

Algunha anécdota ou historia curiosa destes últimos anos?

A máis recente, que saímos no Cupón da ONCE deste sábado 6 de abril. E outras, a ver… A que me vén á cabeza agora, a chegada a Vilalba dun australiano que busca queixos diferentes polo mundo adiante, queixos únicos para facer reportaxes para a televisión. Pois ben, fixo a reportaxe e seica tivo moi boa audiencia co cal, supoño, aumentamos mercado nese país (risas).

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...