InicioEconomíaAsí será a nova Avenida Infanta Elena tralo desdobramento

Así será a nova Avenida Infanta Elena tralo desdobramento

O Concello de Lugo presenta o proxecto para o desdobramento do primeiro treito da Avenida Infanta Elena, que financiará e construirá a Deputación

PUBLICADA O

- Advertisement -

A xunta de goberno municipal aprobou o proxecto de desdobramento da Avenida Infanta Elena, que incluirá traballos de humanización con beirarrúas, carril bici e mobiliario urbano para unha das principais arterias da cidade. A primeira fase afectará ao treito que vai da Ronda Norte ata a glorieta 25-N, canda o centro comercial. A obra será financiada e contratada pola Deputación de Lugo conforme ao convenio asinado con anterioridade.

A magnitude desta obra pode entenderse polo movemento que soporta a Avenida Infanta Elena, cun tráfico diario superior aos 8.400 vehículos, incluídos 711 vehículos pesados, ademais de ser empregada acotío polos peóns. Trátase do principal acceso á zona norte da cidade, comunicando o centro cos polígonos do Ceao e As Gándaras, coa A-6 e a N-VI.

O proxecto foi presentado pola alcaldesa Lara Méndez en compañia do voceiro municipal, Miguel Fernández e o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos. O desdobramento e humanización desta vía suporá unha “mellora substancial da seguridade viaria e accesibilidade de conductores, viandantes e ciclistas”, segundo explicou a rexedora. 

A Avenida Infanta Elena pasará a ter entre dous e tres carrís de circulación por cada sentido, unha rotonda á altura da avenida Paulo Fabio Máximo, carrís bici, beirarrúas, iluminación LED, mobiliario urbano e arboredo en todo o percorrido. “É, polo tanto, un proxecto central dentro noso modelo de cidade, co que buscamos un Lugo máis cómodo, accesible e humano, con máis e mellores espazos públicos para uso público”, explicou Méndez.

A Deputación achegará o financiamento necesario, de 1,4 millóns de euros, e ocuparase da contratación das obras, que contan cun prazo de execución, unha vez iniciadas, de 12 meses.

Enlace Ronda Norte – Paulo Fabio Máximo

No treito que vai do enlace da Avenida Infanta Elena coa Ronda Norte ata a avenida Paulo Fabio Máximo pasarase dunha vía de 11 metros de ancho, con un único carril por cada sentido de circulación, sen beirarrúas e sen alumeado, a unha estrada de 30 metros de ancho.

Na marxe dereita terá dous carrís de circulación de vehículos sentido O Ceao e un carril bici con ambos sentidos de circulación, segregado do tráfico rodado con dobre liña e separador físico con elementos de plástico reciclado. Na marxe esquerda terá tres carrís de circulación, en sentido centro da cidade.

Crearanse beirarrúas a ambas marxes de 4.05 metros cada unha, que contarán con arboredo, bancos e papeleiras, e unha mediana de 1,40 m., con céspede e arboredo. Dotarase tamén de alumeado.

Rotonda Paulo Fabio Máximo

Coas obras previstas, pasarase da actual intersección regulada por semáforos a unha rotonda, para favorecer a seguridade e fluidez do tráfico. Na marxe dereita –en sentido O Ceao- darase continuidade ao tránsito peonil e de bicicletas, urbanizando a sección completa ata o paso de peóns e de ciclistas, e conectando coa calzada existente. Na marxe esquerda, darase continuidade tamén ao itinerario peonil coa adaptación do paso de peóns existente.

Glorieta Paulo Fabio Máximo – Glorieta 25N

Esta parte da vía está completamente urbanizada e conta con 30 metros de ancho, as mesmas dimensións que as que terá despois das obras o tramo que vai dende o enlace coa Ronda Norte a Paulo Fabio Máximo. Polo tanto, o obxectivo do proxecto neste caso é darlle continuidade ao trazado e circulación de peóns, bicicletas e vehículos, redistribuíndo o espazo das calzadas para que quede igual que o treito Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo.

Deste xeito, pasarase dos actuais dous carrís por cada sentido a establecer na marxe dereita dous carrís de circulación de vehículos sentido O Ceao e un carril bici con ambos sentidos de circulación, segregado do tráfico rodado. Na marxe esquerda haberá tres carrís de circulación, sentido centro da cidade.

As beirarrúas quedan como están, con 2,40 de ancho cada unha, ao igual que a medianeira, que seguirá tendo 5ms de ancho, pero acondicionarase con árbores. En canto á iluminación, será de baixo consumo, cun total de 144 puntos Led. Colocaranse no tramo sen iluminar actualmente (Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo) e substituiranse as actuais luminarias na parte restante (Paulo Fabio Máximo-glorieta 25N).

Carril bici

O trazado do carril bici contemplado permite conectar coa parcela na que o Concello proxecta o edificio Impulso Verde, o primeiro público de Galicia construído con madeira galega, un proxecto enmarcado no plan Life Lugo+Biodinámico financiado con fondos europeos que impulsa o desenvolvemento urbano sostible e a economía verde.

Ademais das actuacións urbanísticas, o proxecto inclúe os servizos de saneamento e abastecemento: a dotación no tramo Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo e o reforzo das canalizacións existentes no de Paulo Fabio Máximo-Glorieta 25N.

Paralelamente, o Goberno traballa no proxecto de expropiación dos terreos necesarios para acometer esta primeira fase do desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena, que, cunha lonxitude de 532 metros, afecta a 37 fincas.

Outros proxectos de mobilidade

A alcaldesa enmarcou esta obra nas actuacións que o goberno local ten en marcha para desenvolver o seu modelo de cidade, entre as que destacou a instalación dos ascensores dos barrios de Fontiñas e Sagrado Corazón, a peonalización do entorno da Praza da Milagrosa, os aparcadoiros disuasoiros ou os proxectos incluídos no Plan de Barrios, así como o proxecto EDUSI.

Entre os proxectos xa acometidos neste eido, Méndez citou a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña, a implantación de zonas 30 con convivencia de bicicleta na Ronda da Muralla, a rúa Rodríguez Mourelo e A Piringalla, a apertura do aparcadoiro do Seminario ao público en xeral polas tardes e as fins de semana, ou o novo parking a carón do HULA.

O ascensor do Sagrado Corazón estará operativo en maio

ÚLTIMAS

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

A nave calcinada de Mazoi “non tiña licenza de actividade” nin a solicitou segundo o Concello de Lugo

A nave de reciclaxe da parroquia de Mazoi, alugada pola empresa Contemar, que resultou...

O BNG reclama melloras da N6 no seu paso pola provincia de Lugo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha serie de iniciativas parlamentarias...