InicioEconomíaEntra en servizo o aparcadoiro público municipal do HULA

Entra en servizo o aparcadoiro público municipal do HULA

O aparcadoiro situado a carón do HULA conta con 363 prazas e vixilancia diaria por parte da Policía Local para disuadir aos aparcacoches

PUBLICADA O

- Advertisement -

As persoas usuarias do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) teñen dende este luns a opción de estacionar os vehículos de xeito gratuíto e a carón do recinto hospitalario. O goberno local inaugurou o novo aparcadoiro municipal, con capacidade para 363 automóbiles, habilitado no predio próximo logo dun investimento de 119.000 euros. 

A alcaldesa Lara Méndez explicou que a infraestrutura está concebida para dar rendabilidade social, en contraste co modelo vixente no HULA, consistente nun aparcadoiro privado. Dende o executivo xustifican a obra polas altas tarifas que se aplican no hospital, erixido en terreos que foron adquiridos polo Concello ao Ministerio de Defensa.

O pleno da corporación local acordou por unanimidade esta solución, despois de demandar á administración autonómica prazas públicas e de balde. “A xente vén por necesidade”, dixo Méndez, que celebrou a posta en servizo do aparcadoiro “para seguir avanzando no modelo de cidade que queremos”. A obra finalizou cinco meses despois da licitación.

A nova superficie complementa a ampliación das prazas realizada en 2016, previa reordenación do estacionamento na estrada que circunda o centro hospitalario. Con ambas actuacións, as prazas de balde ascenden a 513, un esforzo imprescindible por mor da enorme demanda que xera o HULA, polo que pasan cada día entre tres mil e catro mil lucenses. 

Intensificación da vixilancia e bando

A rexedora aproveitou a ocasión para anunciar que, ante a apertura deste novo aparcadoiro, intensificarase a vixilancia da Policía Local na contorna. Un operativo diario durante primeiros meses terá por obxectivo disuadir aos aparcacoches, as persoas que piden cartos a cambio de orientar aos condutores. Ademais, avanzou que se traballa na elaboración dun bando para tentar atallar esta situación, para que os usuarios non sexan obxecto de “procedementos ilícitos”.

As obras

As obras consistiron no movemento de terras, explanación e nivelación do terreo, que se cubriu con xabre, e a instalación dun peche perimental vexetal de tulla. Ademais, protexeuse a mámoa cun peche de madeira, que comprende postes verticais unidos por elementos horizontais tamén de madeira, formando dúas varandas a distintas alturas, a cinco metros de distancia dos restos arqueolóxicos. As actuacións conlevaron un control arqueolóxico no xacemento.

+ posts

ÚLTIMAS

O Concello de Lugo reúne a comisión mixta sobre o saneamento da rúa Fermín Rivera

O goberno local quere coñecer en que punto se atopa o proxecto de saneamento...

29N Francisco Conde encabeza a candidatura do PP lucense co obxectivo de traballar “pegados ao territorio”

O Partido Popular de Lugo presentou este venres aos homes e mulleres que integran...

Lugo efectúa traballos de conservación en ventás arqueolóxicas

Nas últimas semanas, o Concello levou a cabo tarefas de limpeza, restauración e selado...

A Deputación destina un millón de euros para o equipamento da residencia de Becerreá

  A xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación do...