‘Longa noite’, de Eloy Enciso, chega a Lugo: “Non nos contaron ben como foi a primeira etapa do franquismo”

O director de Meira achegouse aos Codex Cinema para presentar a súa película, unha historia que nos sitúa no Lugo da posguerra. Con esta cinta, convida á reflexión sobre un período histórico sobre o que "non se profundou moito". Para iso, afástase de "sentimentalismos" e aposta por un ritmo pausado, fronte á "hiperfragmentación" do audiovisual contemporáneo.

Fotograma de 'Longa noite', a película do director Eloy Enciso (Meira, 1975) | Numax Distribución

Os Codex Cinema (praza de Viana do Castelo, nº4) cumpriron un ano de vida este venres 6 de decembro. Fixérono revalidando a súa aposta polo cine feito en Galicia e en galego. Logo do éxito de público acadado con O que ardeesta sala de cine independente busca repetir sensacións con outra película rodada en Lugo. Longa noite, do director Eloy Enciso (Meira, 1975), foi a protagonista da xornada con dous pases diferentes e cadanseu coloquio posterior.

O traballo deste cineasta meirego sitúanos no Lugo da posguerra, unha época histórica “na que non se profundou moito”. “A nosa xeración non coñece como foi a primeira parte do franquismo. Non o vivimos, pero é que tampouco nolo contaron ben. A idea da Transición foi esa: non mirar atrás”, sostivo Eloy Enciso despois da proxección da película. Confesou o seu interese por empregar o cinema como ferramenta para “afondar” nesa etapa escura e quixo facelo a través de historias pequeniñas e concretas. “Non quería un filme coa visión de historiador”, asegurou.

Cartas escritas por presos no Vello Cárcere de Lugo

O PESO DA MEMORIA

A cinta achégase á historia de Anxo, un home que volve á súa aldea da Terra Chá uns anos despois de rematar a guerra. No seu regreso, bate con realidades dispares e que funcionan como reflexo dunha sociedade da que aínda quedan vestixios.

Un albanel resignado, unha muller que agarda diariamente o retorno do seu fillo, un comerciante que se afixo ás continuas sospeitas e vixilancias… Estas historias van tecendo unha película que bebe de tres fontes, segundo explicou o director: primeiramente, os textos de Max Aub, Ramón Valenzuela ou Luís Seoane que constrúen os diálogos; en segundo lugar, as memorias “dos que viviron o exilio interior”, en referencia a aquelas persoas que “quedaron aquí, pero non podían falar”; e, por último, as cartas redactadas polos presos. “Algunhas delas foron escritas no Vello Cárcere de Lugo”, lembrou Enciso.

“A hiperfragmentación da montaxe tamén hiperfragmentiza o pensamento”

O de Meira tentou fuxir de sentimentalismos, “a enfermidade do cine contemporáneo”, e tratou a historia con certa distancia. “Quixen deixarlle espazo ao espectador”, afirmou. Do mesmo xeito, tamén optou por un ritmo lento e pausado, con forte presenza de planos sostidos no tempo e mesmo de monólogos longos. Eloy Enciso cre que “a hiperfragmentación da montaxe tamén hiperfragmentiza o pensamento”.

UN CINEMA SEN FRONTEIRAS

A estrea de Longa noite nas salas de cine chega nun momento doce para o cinema galego e, particularmente, para aquelas películas feitas na provincia de Lugo. Os éxitos de O que arde (Oliver Laxe, 2019) xa non lle son estraños a ninguén, pero este filme con raíces meiregas tampouco se queda atrás. Rodado na propia cidade ou en vilas como Baamonde e Vilalba, Longa noite xa viaxou a Suíza, Toronto ou New York. No Festival de Cine de Locarno (Suíza), Eloy Enciso recibiu o galardón Boccalino d’Oro á mellor dirección.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here