InicioSociedadeLaura Vallejo, a 'agroinfluencer' de Meira que triunfa nas redes con fotos...

Laura Vallejo, a ‘agroinfluencer’ de Meira que triunfa nas redes con fotos de motoserras

Ela é unha das poucas mulleres que traballan no monte en Galicia. "En Suecia ou Finlandia hai moitas máis; aquí cóntanse cos dedos dunha man". Nin iso nin os prexuízos da xente conseguiron botala para atrás e xa leva tres anos como operaria forestal, un modo de vida que comparte no seu Instagram. Conta con máis de 8.500 seguidores de distintas partes do mundo e é colaboradora oficial de Husqvarna, a marca de maquinaria que máis lle gusta.

PUBLICADA O

- Advertisement -

“Eu quería ter unha motoserra Husqvarna e quería que fora miña”. Un antoxo coma outro calquera, ou? Laura Vallejo (Meira, 1994) descubriu o seu interese pola maquinaria forestal hai cousa duns tres anos. Realizou un curso formativo e axiña comezou a traballar no monte. Coma a maioría de mozas da súa idade, compartía a súa vida no Instagram: fotos tallando árbores, outras manexando a procesadora… A repercusión era tal que mesmo comezou a traspasar fronteiras. A día de hoxe, séguena máis de 8.500 persoas e xa é colaboradora oficial da súa querida Husqvarna.

Esta moza medrou no rural meirego, así que o feito de ir ao monte non lle resultaba estraño. “É algo que se vive día a día nunha aldea. Ir facer plantacións, rozas…”, explica Laura Vallejo, “pero cando es pequeniña ninguén che di que podes escoller ese camiño”. Ata que das con el e sabes que é o que realmente che gusta. No seu caso, a oportunidade veu dada da man da súa parella. “Ao principio só lle axudaba, pero pouco a pouco funme metendo no sector e probando novas máquinas. E gustoume tanto…”, di.

MULLERES NO SECTOR FORESTAL

Aínda que confesa sentir especial predilección polo uso da motoserra, tampouco lles di que non ás procesadoras ou aos autocargadores forestais. “A primeira árbore que tirei foi cunha Husqvarna. E dende aquela quixen seguir con esa marca“, sostén. Lembra aquela primeira incursión na profesión cunha mestura de nervios e emoción. “Eramos dez homes e mais eu, a única rapaza. Todos me miraban e eu xa nin sabía o que facía. Ao fin e ao cabo, tirar unha árbore é algo perigoso e precisas técnica, práctica… Ademais, cando un home fai algo mal, faino e xa está. Pero cando é unha muller a que se equivoca, sempre hai alguén detrás para explicarlle por que fallou“.

Ela é unha das poucas mulleres que exercen como operadoras forestais en Galicia. “Os compañeiros sempre se portaron de marabilla comigo”, pero o certo é que bateu con algunha persoa que parece non entender que as rapazas poidan dedicarse a isto. “Iso pásame coa xente maior, sobre todo”, sinala esta meirega. Hai quen lle repite que o monte non é sitio para unha moza, pero ela non lles fai “caso ningún” porque “se non, nunca faría nada”.

‘LIKES’ DE TODO O MUNDO

E menos mal que fixo oídos xordos, porque agora di sentirse “feliz” co seu traballo e co que vai conseguindo, aínda que ás veces lle custe crelo. “Publiquei unha foto onde se vía material de Husqvarna e tivo bastantes ‘likes’. Despois diso, chegoume unha mensaxe do departamento de márketing desa empresa. Pensei que era unha broma!”, conta entre risas. De broma tiña pouco, porque dende aquel momento comezou a colaborar con eles en campañas de publicidade a través da súa conta de Instagram. “Hai quen me chama ‘agroinfluencer’!”, comenta.  Agora, Husqvarna proporciónalle material e ela fotografíao e compárteo na plataforma. “É coma un soño cumprido!” 

“En Suecia ou Finlandia hai moitas máis rapazas traballando no monte. Aquí cóntanse cos dedos dunha man”

No seu perfil virtual ten moita presenza o público galego, pero Laura Vallejo tamén interacciona con persoas de Suecia, Finlandia, Chile, Brasil, Estados Unidos ou mesmo Indonesia. Á hora de establecer unha comparación entre o sector forestal en Galicia e nesoutros países, fixa a mirada no norte de Europa: “Aquí evolucionamos moito en seguridade, técnicas, maquinaria…, pero aínda queda o traballo social de integrar as mulleres como parte do sector. En Suecia ou Finlandia hai moitas máis rapazas traballando no monte. Aquí cóntanse cos dedos dunha man”.

No que respecta ao futuro da industria, Laura Vallejo prognostícalle unha longa vida. “É indiscutible o peso que ten en Galicia” malia os debates abertos en torno aos modelos de xestión forestal. “A madeira non deixa de ser un negocio, e onde hai negocio, hai polémica. Non se pode pensar que os eucaliptos son malísimos, nin tampouco esquecer as árbores autóctonas. Hai que buscar un punto medio”, propón.

Ese equilibrio tamén debera chegar, especialmente, en cuestións de xénero, insiste. Laura quédase coas palabras que lle di sempre unha compañeira súa: “eu de maior quero ser coma ti!”. Iso si que é ser ‘agroinfluencer’.

ÚLTIMAS

Polémica por 300 hectáreas de monte veciñal no paraíso hippie de Negueira de Muñiz

É posible atopar restos de neve nos costados da sinuosa estrada que descende desde...

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...