InicioPolíticaOs socialistas reármanse en Becerreá trala marcha de Martínez

Os socialistas reármanse en Becerreá trala marcha de Martínez

A nova executiva tenta reagruparse nun concello estratéxico logo da marcha do alcalde Manuel Martínez e outros seis concelleiros socialistas ao grupo mixto

PUBLICADA O

- Advertisement -

A situación é crítica para os socialistas de Becerreá, que conservan un asento dos oito que acadaran na corporación local nos comicios de 2015. Un histórico dirixente na provincia, o alcalde Manuel Martínez, deixou en maio as siglas do Partido Socialista para integrarse no grupo mixto canda a outros seis concelleiros. A sete meses das vindeiras municipais, a formación reagrúpase nomeando a nova dirección local.

A asamblea de militantes de Becerreá escolleu para a Executiva a Carlos Pereira, como secretario xeral; Ana Isabel Rubinos, nova secretaria de organización; e a Hipólito Santín, secretario municipal. A directiva municipal ten por diante a maiúscula tarefa de reconstruír as opcións electorais nun concello estratéxico, despois de perder á meirande parte dos integrantes do grupo e un sensible número de militantes.

Rubinos, a concelleira que desafiou o poder total de Martínez, continuará como voceira. A actual responsable de organización pediu un partido “forte e cohesionado”, que poida erguerse como alternativa contra o rexedor e aínda presidente da sociedade urbanística provincial Suplusa. Contra el dirixiu algún mensaxe a representante socialista, aínda que sen mencionalo. Así, convidou a centrarse en “desenvolver políticas sociais” no canto de “intereses persoais”.

A vinganza de Martínez

Manuel Martínez, rexedor de Becerreá e presidente de Suplusa, durante o pleno de xullo | Óscar Bernárdez
Manuel Martínez, rexedor de Becerreá e presidente de Suplusa, durante o pleno de xullo | Óscar Bernárdez

“Comezamos unha nova etapa chea de ilusión”, aseverou Rubinos, que marcou por obxectivo “un bo resultado nas próximas eleccións municipais”. Mais semella complicado acadar a aritmética que permita desbancar a Martínez, no cargo dende 2007, sobre todo tendo en conta a pobre perspectiva do Partido Popular, que apañou o 25 por cento dos votos, un resultado pésimo con respecto a 2011.

A saída de Martínez era inevitable, pois fora apartado da vicepresidencia da Deputación e a xestión territorial o 11 de abril, antes de que o Partido Socialista o suspendera de militancia cautelarmente. Estes movementos tiveron orixe nos reiterados enfrontamentos do alcalde de Becerreá co resto do grupo provincial, contra o que fixo oposición da man do Partido Popular.

Este posicionamento serviu para reprobar ao presidente da Deputación, Darío Campos, e reformar o funcionamento orgánico da autoridade provincial para outorgar máis poder ao pleno, e forzar a entrega da residencia de Castroverde. Martínez xa anunciou que se presentará á fronte dunha candidatura independente, na que tenta integrar a alcaldes do partido xudicial de Chantada e presentar lista en Lugo capital, coa aspiración de volver a estar en San Marcos.

ÚLTIMAS

Lanzan unha campaña de recadación para recorrer un parque eólico na Fonsagrada e Os Ancares para fornecer a Alcoa

A asociación ecoloxista Adega lanza unha campaña de recadación para recorrer no Tribunal Superior de Xustiza...

Investigado un veciño de 44 anos de Monterroso polo roubo de 660 metros de cable de cobre

A Garda Civil investiga a un veciño de Monterroso, de 44 anos de idade, como suposto...

Lugo, quinto municipio de España que máis aumenta a renda entre 2019 e 2020

A Coruña, Santiago e Lugo están entre os 10 municipios de máis de 50.000 habitantes...

Detido un home en Lugo acusado de apuñalar á súa muller

Un home foi detido esta madrugada en Lugo acusado de propinar varias puñaladas á súa...