InicioPolíticaA Deputación prepara a intervención administrativa sobre Suplusa

A Deputación prepara a intervención administrativa sobre Suplusa

Os servizos xurídicos da Deputación estudan o proceso de tutela de Suplusa, que podería estar resolto en dous meses de contar co prace dos expertos legais

PUBLICADA O

- Advertisement -

A sociedade urbanística lucense Suplusa é un ente subordinado ao goberno da Deputación de Lugo, así o certificou a xustiza. O executivo que preside Darío Campos pode atribuír ou retirar encomendas, mais non ten capacidade para retirar os medios propios ou disolver a empresa pública encargada da construcción das residencias da terceira idade, entre outras funcións. Iso é competencia do pleno provincial. Porén, existe un mecanismo que pode conducir á extinción de Suplusa: a intervención administrativa.

Este extremo comezou a explorarse hai dous meses, cando a Audiencia Provincial de Lugo tumbou a modificación dos estatutos da sociedade, que outorgara novas potestades ao Consello de Administración ata convertir a Suplusa nun auténtico contrapoder na provincia. A intervención xudicial frustrou un aparello que camiñaba dende a deslealdade institucional cara a compra de favores políticos con soldos públicos.

Pouco antes, o grupo socialista impulsara unha moción para a disolución da sociedade do solo que estivo a piques de saír adiante, mercé á expulsión durante o pleno de Manuel Martínez, alcalde de Becerreá, deputado non adscrito e presidente de Suplusa. A retirada dos deputados do Partido Popular frustrou aquela tentativa, pero desta vez non hai manobra posible.

No pleno, os populares e Martínez suman 13 representantes, un máis ca suma do Partido dos Socialistas de Galicia (10) e Bloque Nacionalista Galego (2). A proposta de suprimir Suplusa e integrar os traballadores na Deputación, como se fixo coa Fundación TIC, non pode prosperar. En consecuencia, o executivo conta unicamente co recurso á intervención administrativa, agora mesmo baixo estudo xurídico.

Así, os catro servizos legais adscritos á Deputación –Secretaría Xeral, Contratación, Intervención e Asesoría Xurídica– deberán dilucidar se a “situación de desgoberno” pode motivar a intervención administrativa. Fontes do goberno socialista confían nesta vía, que cualifican de “acto común na administración”, pois xa a empregou a Xunta de Galicia na Cámara de Comercio de Lugo. 

Devandita intervención suporá, en palabras da deputada socialista –e membro do consello de Suplusa– Pilar García Porto, que “os funcionarios pasarían a facerse cargo da entidade provincial para facela útil”. O proceso, asegura, é “fácil de entender”. Malia que a disolución sería un procedimento máis rápido, a deputada precisou que a intervención podería estar resolta nun prazo de dous meses.

O PP segue o xogo a Martínez cun acto non oficial na residencia da Fonsagrada

ÚLTIMAS

Lugo recoñece a traxectoria de Xesús Alonso Montero e Rafael de Vega Barrera, fillos adoptivos da cidade

O Concello de Lugo recoñeceu este sábado a traxectoria de dous "lucenses de corazón",...

Controlado un incendio nunha nave que almacenaba palla en Palas de Rei

Un incendio orixinado esta tarde nunha nave que almacenaba palla en Palas de Rei...

Lío no Concello de Lugo por unha factura: Candia acusa a Arroxo de malversación

A portavoz do grupo municipal do PP en Lugo, Elena Candia, denunciou o que...

Alerta amarela na provincia de Lugo polo temporal con ventos de 100 km/h

O AEMET mantén o aviso laranxa para o litoral das provincias da Coruña e...