O Partido Popular de Vilalba advirte que, á vista do resultado da cuestión de confianza, “evidénciase que a alcaldesa socialista Marta Rouco non ten apoio nin liderado”. Os populares condenan que, a pesar de liderar un goberno en minoría, actúa con “soberbia” e “non quere chegar a ningún consenso”.
O PP mantén abertas as portas ao diálogo con Vilalba Aberta o BNG para apoiar unha moción de censura e diríxense especialmente ao BNG “se realmente quere cambiar o rumbo deste Concello ou simplemente o seu voto de hoxe en contra da confianza no goberno municipal foi un paripé”.
Sobre os orzamentos municipais, os concelleiros do PP subliñan que “son tan malos que nin o BNG os apoia”. Como xa tiñan advertido “trátase duns orzamentos para cumprir os caprichos dos socialistas, non para dar solución aos problemas e necesidades dos veciños e veciñas” que “están fartos de obras sen xeito no casco urbano e o abandono do rural” onde “Vilalba Aberta prometera 1M€ por ano de mandato e agora recoñece que só leva investido 1,3M€, moi lonxe dos 4 prometidos”. Ao que hai que sumar “un caos circulatorio que teñen que soportar os vilalbeses no seu día a día” polas decisións do goberno local.
Así mesmo, inciden na “incongruencia” ou “cambio de opinión da alcaldesa” en relación á importancia da aprobación dos orzamentos. No seu día, como responsable da concellería de Facenda no anterior mandato, “dicía que o presuposto non era importante porque non cambia o funcionamento do Concello” para xustificar a súa incapacidade para aprobar uns orzamentos que, “por aquel entón chegaron a prorrogar durante 4 anos uns orzamentos do goberno do PP”.
Os concelleiros do PP afean que a rexedora socialista “pretenda culpar aos demais dos resultados da súa propia xestión” e advirten de que “non queira culpar ao Partido Popular dos atrasos nos pagos” xa que “a única responsable é a propia alcaldesa”.
“Marta Rouco ten na súa man chegar a acordos, pero a súa soberbia impídelle traballar dende o diálogo polo ben dos vilalbeses e vilalbesas”, conclúen.
