O Concello de Vilalba volve reclamar unha solución efectiva e inmediata para a estación de autobuses, unha infraestrutura clave para a mobilidade do municipio que continúa nunha situación de abandono e sen avances visibles malia as reiteradas demandas trasladadas á Xunta de Galicia ao longo dos últimos dous anos.
Desde o goberno local lembran que esta problemática non é nova e que, desde hai máis de dous anos, se veñen realizando múltiples xestións institucionais co obxectivo de acadar unha resposta clara e definitiva. Neste tempo, producíronse peticións formais, solicitudes de reunións, encontros con responsables autonómicos e mesmo actuacións puntuais por parte do propio Concello de Vilalba para paliar a falta de mantemento das instalacións.
A alcaldesa, Marta Rouco, subliña que, “a pesar deste traballo constante, a situación actual da estación continúa evidenciando a ausencia dunha intervención estrutural que resolva os problemas de fondo”.
“A día de hoxe seguimos sen unha solución real, mentres a veciñanza e os visitantes teñen que utilizar unha infraestrutura que non reúne as condicións que merece un servizo público deste tipo”, sinala.
Neste sentido, Rouco insiste en que a estación de autobuses non só cumpre unha función esencial para o transporte regular de viaxeiros, senón tamén para o turismo e para a conexión de Vilalba con outros puntos do territorio, polo que considera imprescindible garantir unhas condicións adecuadas de seguridade, limpeza e funcionalidade.
Ademais, lembra que nos últimos meses se produciron anuncios por parte da Xunta de Galicia en relación coa posibilidade de habilitar novas solucións ou infraestruturas alternativas, pero recalca que, mentres estas non se materialicen, resulta imprescindible actuar sobre a situación actual.
“Non podemos permitir que se fale de proxectos futuros mentres o presente segue nun estado que non é aceptable. Vilalba necesita respostas agora”, afirma.
A alcaldesa tamén fai fincapé en que esta demanda non responde a unha cuestión puntual, senón a unha reivindicación sostida no tempo e compartida pola veciñanza.
“Estamos ante un problema que afecta directamente ao día a día de moitas persoas. Non se trata só de mellorar unha infraestrutura, senón de garantir un servizo básico en condicións dignas”, engade.
Por todo isto, desde o Concello de Vilalba reiteran a súa disposición ao diálogo institucional, pero esixen que este se traduza en solucións concretas e nun calendario de actuacións claro.
“Seguiremos insistindo, como levamos facendo todo este tempo, ata que a estación de autobuses de Vilalba conte coa solución que merece. É unha cuestión de responsabilidade institucional e de respecto á nosa veciñanza”, conclúe Rouco.
