O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, modificou a súa axenda de traballo e, antes de desprazarse a León a arroupar a Alfonso Fernández Mañueco no seu congreso de reelección, recalará este sábado en Vilalba, a localidade natal de Manuel Fraga Iribarne, para participar nunha homenaxe ao político no décimo aniversario do seu falecemento.
Fontes do PPdeG avanzaron que este acto de homenaxe será “breve” e, de acordo coas limitacións que aconsella a situación da pandemia, evitará calquera tipo de masificación. Si acudirán, entre outros dirixentes, o propio Feijóo; así como a presidenta provincial do PP en Lugo, Elena Candia; e a portavoz local e deputada autonómica, Sandra Vázquez.
No acto, cuxa celebración está prevista para as 11,00 horas, realizarase unha ofrenda floral ante o coñecido busto do que foi presidente fundador do PP e xefe do Executivo galego durante case 16 anos.
Nunha época que desaconsella eventos masivos, os populares recalcan que o acto adquirirá un carácter “simbólico”. Non é a primeira homenaxe que o PPdeG organiza en honra e recoñecemento da traxectoria de Manuel Fraga en distintos escenarios, formatos e mesmo datas. Xa o fixo, por exemplo, nalgunha ocasión previa, ante o mesmo busto e en vésperas do Día de Galicia.
Outras homenaxes producíronse a través das redes sociais e o propio Feijóo non escatimou palabras de recordo e de eloxio para o presidente fundador do PP en diversos momentos clave da súa carreira política.
E é que este mesmo sábado, ademais de lembrar a “don Manuel” polo décimo aniversario do seu falecemento (tamén está prevista unha misa pola tarde en Vilalba, pero Feijóo xa estará en León), o actual líder do PP galego ten unha efeméride propia: cúmprense 16 anos desde que Fraga lle cedeu o liderado do partido, o 15 de xaneiro do ano 2006.
Nas últimas eleccións autonómicas do verán de 2020, Feijóo logrou igualar a Fraga coas súas catro maiorías absolutas consecutivas, ademais de deixar fóra do Parlamento a Vox e a Ciudadanos nun contexto marcado pola fragmentación do centro dereita en todo o Estado.