InicioMovementos sociais“Parga amou o tren con todas as consecuencias, e agora está disposto...

“Parga amou o tren con todas as consecuencias, e agora está disposto a prescindir del se divide o pobo”

A plataforma Parga Non Se Divide aposta por sacar a vía do pobo e prescindir dun servizo deficiente que tan só ocasiona problemas

PUBLICADA O

- Advertisement -

O inicio deste movemento ten difícil datación, mais a orixe está nos diferentes proxectos presentados no tempo polo administrador ferroviario estatal Adif para a supresión dos pasos a nivel. Todos conlevan manter a división en dous do pobo, coma acontece na porta da chaira, Rábade. Un dos activistas de Parga Non Se Divide, Afonso Losada, explica a historia e as alternativas dun pobo que medrou á beira da vía do tren.

Todo acelera coas reunións das últimas datas con Adif.

Dende o momento en que se presentou a última proposta –porque non é un proxecto formal– por parte de Adif, si que se acelerou moito. Déronse varios factores: dende a alcaldía non se deu explicación da proposta, tiveron que ser grupos políticos (BNG e PP) os que o puxeron enriba da mesa, o que para os veciños supuxo un agravio en comparación con outras problemáticas; e por outra banda, o feito de que exista unha proposta de variante aglutina á xente, que ve unha solución. Solución que non é boa en si mesma, porque a variante empeora un servizo pobre de por si.

Afonso Losada (segundo pola dereita) con deputados do Bloque Nacionalista Galego | BNG

Para analizar outras alternativas sería preciso un novo estudo.

É un tema complexo, a vía pasa polo medio do pobo, e parte do pobo se construíu arredor da vía nun momento en que era un afluente de riqueza e prosperidade para Parga. Diso fai moitos anos.

A análise é complicada e unha variante incluso dificulta máis o servizo que hai. Os veciños poñen en valor que teñen un servizo practicamente nulo, e para ter só a molestia das vías, prefiren non telas. E iso a pesar do cariño que a xente de Parga lle ten a vía, porque a Parga que coñecemos hoxe medrou arredor dela.

Hai tamén implicacións no patrimonio histórico e arquitectónico.

Iso é o que teñen en mente moitos veciños. O patrimonio artístico e histórico de Parga ten casas catalogadas, e a xente non pode facer con elas o que quere,  para podelas amañar debe pasar innumerables trámites burocráticos; en cambio, Adif fai e desfai o que lle dá a gaña. E despois, un pobo partido en dous minusvalora o prezo das vivendas.

Cal é a postura doutras asociacións de Parga?

Na reunión que tivemos o domingo había representantes das diferentes asociacións do pobo. A plataforma xurdiu do traballo de catro ou cinco persoas e foise ampliando pouco a pouco. Pero calquera das asociacións nos amosou a súa disposición a colaborar, os comerciantes dende o principio están colaborando, e o que defende esta plataforma resulta bastante transversal co respecto ao pensamento do pobo. Iso implica a asociacións de monte, a feira… dende ese punto de vista é unha asociación aberta e plural.

#parganonsedivide

O éxito da reivindicación en Murcia, que conseguiu que Adif soterrara o tren, dá esperanza?

É dunha escala maior, pero si, obviamente. O soterramento é unha opción que sempre se manexou. No seu momento, o monte de Parga fixo un estudo sobre esta posibilidade, e Adif rexeitouno. O que propoñemos agora é unha variante en calquera das medidas, e debe ser Adif cal é o mellor xeito, se sacar a vía ou soterrala.

Si que vemos que a mobilización en Murcia e outros sitios deu os seus froitos, conseguiron o soterramento. Valoramos que é un exemplo a seguir, sobre todo polo grao de mobilización. Falamos de obras diametralmente diferentes, contías e afectacións das que non falamos aquí; somos conscientes diso, pero a nosa intención é manter á xente activa.

O fondo da cuestión é que o pobo de Parga, que viviu sempre cara o tren, que sufriu e amou o tren con todas as consecuencias, incluso con varios mortos ao longo da súa vida, agora está disposto a prescindir do tren se supón que tronza o pobo pola metade.

Daniel Pérez

Cales serán os vindeiros pasos da plataforma?

Decidimos dar pasos de cara á constitución formal, para que cando poidamos ir o día de mañá a unha administración, que o fagamos con respaldo, e seguir recabando apoios institucionais. No seu momento, os plenos de Guitiriz e da Deputación, mediante sendas mocións do Bloque, amosaron o seu rexeitamento aos plans de Adif e a predisposición para estudar a variante.

Queremos levar isto a outros estratos, e valoramos a posibilidade de facelo chegar á Valedora do Pobo para que valore o impacto social no pobo de Parga. Está a posibilidade de facer un estudo de viabilidade das alternativas que propoñemos, darlle respaldo técnico, aínda que esa non é a meta. E seguiremos con pequenas accións coma ata agora, colocando lazos, pancartas, e nas redes sociais, para que se visibilice o problema e seguir avanzando.

ÚLTIMAS

Ferida unha muller por arma branca nunha liorta entre catro persoas

Unha muller resultou ferida ao ser alcanzada por unha arma branca durante unha liorta...

Accidente de tráfico en Chantada: bombeiros liberan ao condutor atrapado

Os bombeiros liberaron empregando material de excarceración ao condutor dun vehículo que sufriu un...

Ángeles Vázquez ve igual de importante o expediente de Altri como o de ampliar unha granxa

A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, asegura que é "igual de importante" para...

Alfonso Rueda e Ana Pontón coinciden no San Froilán

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón,...