Fauna d’Aquí é un programa de roteiros da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, que ten por obxectivo valorizar a fauna autóctona e avaliar o seu estado. Roi Cuba guiou aos participantes da recente actividade pola Lagoa de Cospeito, un lugar privilexiado para a observación de aves.
O inverno é unha época de especial interese neste lugar, porque as aves invernentes se refuxian maiormente nas zonas húmidas. A Lagoa de Cospeito conforma un ecosistema caracterizado pola auga acumulada por ríos e pequenas lagoas, “fundamental para moitas especies estritamente acuáticas”.
Gran parte das aves que se poden avistar no entorno aparecen unicamente durante a época máis fría do ano. Estas especies reprodúcense no norte de Europa, e cando as augas das zonas de cría mudan en xeo, deben descender de latitude. Na Lagoa de Cospeito atopan unha flora moi diversa, residencia e alimento de múltiples insectos que, loxicamente, aproveitan as aves.
Recentemente, este refuxio invernal recibiu a intervención da Axencia de Turismo de Galicia, encargada de facilitar os accesos peonís ao Museo das Aves e a propia Lagoa de Cospeito. Segundo fontes do executivo autonómico, os traballos “fomentan a conservación e coñecemento dun recurso incluído nunha das seis Reservas da Biosfera galegas”.
Os humedais son a cerna das Terras do Miño, un dos tres espazos protexidos nesta categoría cos que conta a provincia de Lugo, e a de meirande dimensión en Galicia. A depresión é asemade unha das doce zonas galegas identificadas como Galicia Birding pola Consellería de Cultura e Turismo.
A escola e a igrexa de San Martiño de Lamas supuxeron a parada final dun roteiro que atravesou as cercanías da Feira do Monte, abundantes prados e apenas elevacións. “A Terra Chá no seu esplendor”, comenta Roi. A actividade tivo por obxecto o paso polos cinco observatorios á beira da Lagoa de Cospeito.
Precisamente por ser o inverno a época ideal para comprender o hábitat dos humedais, o reducido lapso solar obrigou a ir máis rapidamente polos 14 quilómetros do percorrido. Isto impediu aos participantes parar no Centro de Interpretación. A ruta estaba “en bastante bo estado para o que choveu”, con algunhas zonas encharcadas.
Preguntado polo impacto da actividade humana, Roi explica que preto da Lagoa hai mostras de verquidos de augas residuais de Cospeito, xerando cheiro e auga lamacenta; esta situación foi denunciada por Adega con anterioridade. Así mesmo nótase a pegada da gandaría intensiva, pola xeración de puríns para fertilizar o chan, que acaban filtrándose e coa escorrentía chegan aos regatos.
A pesar da condición de Reserva da Biosfera, na Lagoa de Cospeito proliferan os eucaliptos. Estas plantacións “son cada vez máis frecuentes” e conviven con vellas carballeiras e castiñeiras. Historicamente, o terreo fora desecado por intereses agrícolas, e recuperado a medida que este sector foi perdendo peso, revertendo a partir de 1995 a colonización agraria sobre os humedais con asesoramento de investigadores do Campus Terra.
Así as cousas, dende Adega entenden que o estado de conservación e moi bo, con pequenos impactos. Roi sinalou os beneficios da gandería de tipo estensivo neste medio, máis sostible, con pequenas granxas de porcos entre carballeiras “que concentran moito paxariño, coma pimpíns ou xílgaros”.
O medio lagoeiro, revitalizado polas choivas, é lugar de residencia de moitísimas especies. Sendo o roteiro imprevisible, na Lagoa de Cospeito atoparon bastantes patos, bandos de corvos en grandes grupos e corvos mariños, un número moi grande de lavanco real, e tamén outras aves vencelladas a os ecosistemas máis secos da contorna. Con axuda das guías e do telescopio, puideron observar especies máis raras: o ánade friso, o pato culleiro (cullerete), a cerceta…
Para os participantes foi unha gran experiencia, que lles permitiu disfrutar sen molestar ás aves, diferenciando as especies polas formas e cores, e atenendo a como se alimentan. Este percorrido variado deu a posibilidade de observar aves acuáticas pouco coñecidas para o gran público, “simplemente cuns prismáticos e catro truquiños”, aprendendo moi rápido a identificar incluso os reclamos do reiseñor de auga.
Todas as imaxes cortesías de Roi Cuba