InicioEconomíaComezan as obras no colexio Veleiro-Docampo de Castro de Rei

Comezan as obras no colexio Veleiro-Docampo de Castro de Rei

A Xunta mellorará a eficiencia enerxética nas instalacións do centro de ensino chairego – As obras non interferirán no novo curso

PUBLICADA O

- Advertisement -

As obras previstas no colexio Veleiro-Docampo de Castro de Rei comezarán de inmediato trala sinatura da acta formal. Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inicia a reforma deste centro de ensino de infantil e primaria (CEIP) sito na parroquia de Castro Ribeiras de Lea.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou este martes na sinatura da acta de replanteo preceptiva. As obras foron adxudicadas por 327.000 euros e a previsión é rematar antes da fin de setembro, se ben as instalacións estarán en condicións de ser empregadas de cara ao comezo do vindeiro curso escolar o día 12 dese mes.

No acto participaron tamén a subdirectora xeral de construcións e equipamento da Consellería, María Jesús López López; a xefa territorial en Lugo, Mariña Gueimunde; e o director do centro, Juan José Díaz Valiño, amais doutros responsables do colexio.

A actuación comprende intervir na fachada, as carpinterías e a iluminación interior, co obxectivo de acadar un aforro enerxético anual de arredor do 19 por cento.

Na fachada instalarase un sistema de illamento térmico polo exterior, acabado con revoco decorativo. Prevese igualmente a substitución das carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmica e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade. Tamén se renovarán as persianas nas carpinterías substituídas e cambiaranse carpinterías interiores e outros elementos de albanelería.

Polo que respecta ás luminarias, renovaranse nas zonas de aulas e aseos utilizando lámpadas led con detectores de presenza e equipos de regulación multisensor, que acomodan gradualmente o fluxo das luminarias cando o nivel de iluminación debido á luz natural está por encima do valor seleccionado. Acompáñase da instalación dun novo falso teito con absorción acústica para a mellora do acondicionamento acústico das aulas.

Como actuacións complementarias no centro de ensino desta parroquia de Castro de Rei, cabe citar a reforma da instalación de fontanería e aparatos sanitarios, e a reparación e pintado de paramentos interiores en base ao estudo cromático elaborado polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG).

Balseiro destacou que a Consellería realiza “unha dobre aposta, pola modernización das instalacións educativas e polo desenvolvemento sustentable, coa que consigue un beneficio claro para o centro, maior confort e menores custos de mantemento, e tamén un beneficio social ao reducir as  emisións contaminantes”.

+ posts

ÚLTIMAS

Alberto Caldeiro di non ser “a persoa indicada” para entrar na corporación de Lugo

O número 12 da candidatura de PSOE de Lugo, Alberto Caldeiro, evitou descartarse este...

O PP de Pol apunta que o goberno local está “esgotado” e denuncia ameazas á voceira ‘popular’

A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, subliña que “o goberno de Lino...

Comezan as obras na estrada provincial que une Castro de Rei con Rábade

A Deputación de Lugo iniciou as obras de mellora da estrada que une Castro...

As cámaras da M-30 amosan aos acusados da morte do médico lucense “coma se fosen coches de Fórmula 1”

As imaxes das cámaras de seguridade da M-30 gravadas a mañá do 25 de...