O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este venres que Castro de Rei contará coa primeira unidade de atención dual da provincia, un servizo pioneiro e especializado que permite tratar a persoas con trastorno dual –discapacidade intelectual e trastorno da conduta– e ás que presentan patoloxía dual –trastorno psiquiátrico e toxicomanía–.
Durante unha visita ás instalacións da residencia da Fundación de Dano Cerebral, Feijóo precisou que este servizo ofrecerá un tratamento transversal, combinando técnicas de atención á toxicomanía, de saúde mental e de neuroloxía, a través de 16 prazas de atención residencial.
En febreiro, explicou o presidente, autorizouse a apertura desta instalación, que incrementará en máis de 400.000 euros ao ano as prazas de dano cerebral na provincia de Lugo. Nos próximos meses, este servizo estará plenamente operativo, funcionando con 16 prazas sostidas con fondos públicos.
Entre os servizos que ofrecerá esta instalación están coidados específicos ás necesidades de cada persoa, comedor con dietas personalizadas, atención dun psicólogo clínico e dun médico psiquiatra con coñecementos na área de adiccións e servizos profesionais de enfermaría, educación social, terapia ocupacional e fisioterapia.
Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego subliñou que o apoio da Xunta a esta unidade de atención dual enmárcase no compromiso cunha Galicia “máis integradora”, que “ofreza a cada persoa a atención que necesite”.
Neste sentido, lembrou que Galicia conta hoxe en día cun 25% máis de prazas de atención á discapacidade que fai dez anos, 5.400 en total; axilizou os procesos de valoración, coa posta en marcha de 14 novos equipos para reducir as listas de espera un 30%; simplificou os documentos necesarios e incrementou por encima dun 40% os orzamentos para as federacións de entidades de atención á discapacidade.
Na mesma liña, destacou o “apoio decidido” aos centros especiais de emprego e á integración laboral de persoas con discapacidade, o lanzamento da primeira oferta de emprego público autonómico da historia dirixida de forma específica a persoas con discapacidade ou a mellora da accesibilidade de edificios púbicos.
No complexo que visitou este venres Feijóo desenvolven o seu labor dúas entidades cunha importante traxectoria ao servizo das persoas: Fudace, orientada ao dano cerebral, e Cruz Vermella. En total, conta con 87 prazas de atención a persoas con diferentes tipos de discapacidade.