Chamamos a Javier Fontela, presidente da Asociación de Queixeiros, ao que lle preguntamos antes de nada como foron os anos de pandemia. Refire que aínda que a alimentación non se resentise moito en xeral, no seu caso viuse prexudicada a venda orientada á canle Horeca –hoteis, restaurantes e cafeterías–. Estima Fontela que igual se puido perder un 30% de vendas neste nicho de mercado, mentres que no convencional a cousa “foi máis ou menos normal”. Preguntado tamén polo labor do Consello Regulador da D.O. Queixo de San Simón da Costa, afirma que este organismo é unha ferramenta fundamental para sacar o produto adiante e que están moi contentos co traballo que realizan, “estar na D.O. dános caché e protéxenos diante das grandes industrias”, refire.
Comenta o presidente dos queixeiros vilalbeses que tras dous anos de parón da Festa do Queixo, este ano non houbo dúbidas nas reunión sobre a organización da mesma. Unha organización que, en palabras de Fontela, “pódese dicir que está repartida a partes iguais entre Concello de Vilalba e asociación, tanto no que a deseño de programación se refire como no apartado económico, contando coa achega económica de cada ano que fai Caixa Rural Galega”.
Sete serán as queixerías presentes na feira deste ano: Prestes, Fontelas, Catadoiro, Don Crisanto, Don Gabino, Casleiras e Daniberto. E no que se refire á programación séguese unha liña continuista dos últimos eventos, centrándose en poñer en valor o queixo de San Simón da Costa e a súa aplicación en cociña doméstica e na hostalería.
Aproveitamos a ocasión para falar tamén con Ángel Ramil, Secretario do CRDOP San Simón da Costa.
Cantas queixerías hai actualmente baixo o selo da D.O. San Simón da Costa?
Hoxe en día temos nove queixerías inscritas.
Que valoración facedes vós estes anos de pandemia?
Os anos de pandemia foron distintos, o ano 2020 foi desastroso para as queixerías e para a D.O.P. xa que perdemos algo máis de 90.000 quilos en canto a produción do ano anterior, o que supuxo unha baixada dun 16.60%. Pero no ano 2021 recuperamos a produción e incluso a superamos chegando a producir 134.000 quilos máis que no 2020.
Ver a luz ao final do túnel nesta crise sanitaria estase traducindo en mellor comercialización e vendas dende o 2021 e neste comezo de 2022?
Os dous primeiros meses deste ano están a ser normais en canto a produción, seguindo máis ou menos a senda do ano pasado.
Que estratexias e proxectos impulsades dende o Consello Regulador para este 2022?
Dende o Consello Regulador seguimos a traballar na promoción do produto, con catas comentadas en compaña cos outros 3 queixos galegos, actos promocionais diversos, asistencia a feiras, etc.
Este ano, despois do parón, volve a feira. Como se presenta?
A Festa do Queixo deste ano creo que vai a ser boa por diversos motivos: primeiro, porque ao levar dous anos sen facela hai moita xente que está a preguntar por ela; segundo, que o programa para os dous días é interesante. Eu creo que todos temos ganas dun pouco de esparexemento e alegría…
PROGRAMA DE ACTIVIDADES
No programa de actividades da Festa do Queixo de San Simón da Costa atopamos que o sábado 2 ás 12:30 h. haberá un showcooking a cargo do televisivo cociñeiro Xoanqui Ameixeiras na carpa de actividades situada na Praza da Constitución, e no mesmo lugar, ás 16:30 h., un obradoiro infantil de elaboración de queixos.
Xa pola tarde, a partir das 18:00 h. a Banda de Gaitas Mato Vizoso fará un pasarrúas e ás 19:00 h. será o pregón que correrá a cargo de Francisco Sineiro, antigo profesor de Economía Agraria na Escola Superior de Enxeñería de Lugo que tamén chegou a ser conselleiro de Agricultura.
O domingo 3 haberá degustación de tapas elaboradas con queixo de San Simón da Costa para todos e todas nunha foodtruck, pasarrúas con Buxos Verdes ás 11:00 h. e xa pechando o evento, ás 13:00 h. actuarán os Festicultores.