Un veciño de Lugo de 55 anos enfróntase a máis de catro anos de prisión acusado de ameazar e intimidar un veciño e a súa filla menor na cidade de Lugo, en represalia por unha denuncia previa presentada contra el.
Impútaselle un delito de obstrución á xustiza e outro de ameazas, polo que lle piden dous anos e seis meses de prisión pola primeira circunstancia e un ano e dez meses pola segunda, ademais dunha multa de 6.400 euros. O xuízo quedou fixado este martes para o próximo 2 de xullo por falta de acordo entre ambas as partes.
O caso remóntase ao 26 de xaneiro de 2024, cando un veciño do acusado interpuxo unha denuncia por ameazas, tanto cara a el como cara á súa filla menor. Segundo consta nas actuacións xudiciais, o acusado contaba xa con antecedentes penais. En concreto, fora condenado mediante sentenza firme de 7 de setembro de 2022 por un delito de atentado á pena dun ano de prisión, pena que quedou suspendida.
A denuncia presentada en xaneiro deu lugar á apertura das dilixencias previas no Xulgado de Instrución número 2 de Lugo imputando á este home un delito de ameazas. Entre as probas propostas para o xuízo oral figuraban as declaracións como testemuñas do denunciante e da súa filla menor.
No marco dese procedemento, o xulgado acordara a prisión provisional do investigado como medida cautelar. Con todo, esta medida quedou sen efecto o 8 de abril de 2024, data na que se decretou a súa liberdade provisional.
Os feitos máis recentes producíronse en agosto de 2024. Durante a mañá do día 23, o acusado presentouse nas inmediacións do domicilio do denunciante, situado nunha rúa de Lugo, onde sentou nunha cadeira xunto á porta de entrada da vivenda. Segundo a acusación, mantivo unha actitude intimidatoria e desafiante fronte ao denunciante e a súa filla cando estes se dirixían á súa casa.
Tras unha nova denuncia presentada polo afectado, o mesmo 23 de agosto o xulgado ditou un auto impondo ao acusado, como medida cautelar, a prohibición de aproximarse ou comunicarse con ambos durante un período de doce meses.
A pesar diso, segundo o relato dos feitos, o acusado regresou novamente esa mesma tarde ou noite ás inmediacións do domicilio. Permaneceu sentado xunto á porta ata que, ao redor das 21:00 horas, chegaron o denunciante e a súa filla. Nese momento, dirixiuse cara a eles proferindo insultos e ameazas, entre elas expresións como: “Voute matar, voute acoitelar, o barrio é meu e non me vou ir de aquí na vida”.
A acusación sostén que estas actuacións tiñan como finalidade intimidar ás testemuñas e influír na declaración que debían prestar no xuízo oral do procedemento iniciado pola denuncia de xaneiro.
Así mesmo, o acusado volveu presentarse nas inmediacións da vivenda nos días posteriores, concretamente o 24, 25 e 26 de agosto de 2024, mantendo a mesma conduta, segundo recóllese no procedemento xudicial.
