Un home faleceu este venres en Lugo tras ser atropelado por un camión. Segundo informou o 112, o accidente produciuse ás 17.30 horas fronte a unha vivenda no lugar de Beizo, en Lugo. Segundo relatou a persoa que chamou ao 112 para informar, o vehículo, un camión de dobre cisterna, atropelou ao home e seguiu circulando. Tamén apuntaba que pensaba que estaba falecido.
Pouco despois, co equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 xa no punto, confirmouse o falecemento. Pola súa banda, os axentes da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico recompilan toda a información sobre o sinistro co fin de coñecer todas as circunstancias do suceso.
