Efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo denunciou esta pasada noite a tres condutores por delitos contra a seguridade viaria. Dous deles arroxaron en torno ao triplo da taxa máxima permitida no test de alcoholemia, mentres que o terceiro negouse a facer a proba.
O primeiro deles foi interceptado por mor dun accidente ocorrido na rúa San Roque. Un vehículo chocou contra outro estacionado e os axentes que acudiron comprobaron que a condutora presentaba signos de embriaguez.
Así, ao practicarlle a proba de alcoholemia, arroxou un resultado de 0,79 miligramos por litro, máis do triplo da taxa máxima permitida, que é 0,25. Por iso, instruíronse dilixencias por un delito contra a seguridade viaria en modalidade de xuízo rápido.
Posteriormente, na rúa Vilalba, deuse o alto a un vehículo que circulaba de maneira irregular. O condutor foi sometido á proba de alcoholemia e arroxou 0,70 mg/l, polo que tamén se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria.
Así mesmo, noutro sinistro ocorrido no cruzamento de Músico Falla, unha condutora que “presentaba signos de embriaguez”, tal e como informa a Policía Local, negouse “de forma expresa” a realizarse o test a pesar de ser advertida das súas consecuencias.
APARCACOCHES ILEGAIS
Por outra banda, os axentes municipais levantaron nos últimos días un total de 11 actas de denuncia a sete “gorrillas” que foron interceptados na contorna do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
Ocorreu entre o martes 15 e o xoves 17 de novembro, cando se estableceu un dispositivo especial para combater esta actividade a través de efectivos da Policía de Barrio que empregaron vehículos policiais rotulados e camuflados.
Das 11 actas de denuncia impostas aos sete ‘gorrillas’, sete delas foron por infracción á Ordenanza de Circulación e outro catro por desobediencia á autoridade ao amparo da Lei de Seguridade Cidadá porque, despois de que lles solicitasen cesar na súa actividade, volveron ser sorprendidos momentos despois.
Ademais, a Policía Local destaca a súa reincidencia, xa que algúns dos aparcacoches interceptados acumulan 21, 14, 11 e tres denuncias, respectivamente, no que vai de ano.