A Sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a oito anos e medio de prisión a un acusado de abusar sexualmente de forma continuada dunha muller nunha lavandaría. A vítima ten diagnosticada unha discapacidade intelectual e de desenvolvemento psicolóxico e madurativo do 65,5%, segundo a sentenza.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ao home impúxoselle tamén a prohibición de achegarse ao domicilio e centro de estudos ou lugar de traballo da vítima, ou a calquera outra zona que frecuente a menos de 300 metros, e de comunicarse con ela por calquera medio ou procedemento durante o prazo de 10 anos. Ademais, o condenado deberá indemnizala con 8.000 euros polos danos causados.
Os xuíces destacan na sentenza que o acusado “aproveitando a maior vulnerabilidade da vítima, derivada da súa discapacidade mental, logrou que acudise a un lugar no que podía desenvolver o seu propósito”.
FEITOS PROBADOS
A sentenza ratifica que a muller está diagnosticada de discapacidade intelectual leve e ten un nivel de desenvolvemento psicolóxico e madurativo inferior, o que inflúe na súa forma de expresarse e a súa relación coa contorna. Iso resulta apreciable, engade, “desde un primeiro momento” no trato coa mesma.
Engade o relato dos feitos que o condenado, “consciente da devandita situación de discapacidade e da súa maior debilidade”, foi “intimando” con ela en 2019, dirixiulle expresións obscenas e “logrou que en polo menos dúas ocasións” ela accedese á lavandaría propiedade do seu fillo e, na parte de atrás, tras sentar nunha cadeira, fíxolle tocamentos en zona vaxinal e peitos, ademais de introducirlle un dedo na vaxina.
A sentenza tamén recolle que a vítima se negou a tocarlle a el e que nunca accedeu aos seus tocamentos, tratando de apartalo ata lograr deixar a lavandaría.