Denunciado un mozo de 19 anos que acabou involucrado en dous accidentes de tráfico e conducía sen carné

Os axentes a cargo da investigación localizaron ao titular do turismo, aínda que comprobaron que existían distintos documentos de compra-venda confeccionados ese mesmo día a nome de terceiras persoas.

O vehículo do novo investigado en Lugo tras un dos accidentes de tráfico. POLICÍA LOCAL DE LUGO

Un mozo de 19 anos pasou a disposición xudicial acusado dun suposto delito contra a seguridade viaria, por conducir “sen obter nunca permiso de condución”.

Segundo informou a Policía Local de Lugo nun comunicado, axentes da Unidade de Atestados chegaron a esta conclusión tras unha investigación realizada durante as últimas dúas semanas.

Os feitos que provocaron a investigación policial, relataron, iniciáronse o pasado 10 de decembro tras un accidente de circulación na rúa lucense Ramiro Rueda, no que un vehículo conducido polo mozo chocou, debido a unha saída de vía, contra outros que se atopaban correctamente estacionados. O condutor abandonou o lugar sen deixar datos que permitisen a súa identificación.

Ese mesmo día, de madrugada, ese mesmo vehículo viuse implicado noutro accidente. Nesta ocasión no interior do Parque Rosalía de Castro, onde o turismo acabou con “importantísimos” danos materiais tras impactar cun dos alicerces de formigón que forman parte da balaustrada ornamental do peche perimetral —“nunha zona totalmente excluída da circulación rodada”–. Nesta ocasión, e debido aos danos que presentaba, o vehículo foi retirado por un guindastre.

Os axentes a cargo da investigación localizaron ao titular do turismo, aínda que comprobaron que existían distintos documentos de compra-venda confeccionados ese mesmo día a nome de terceiras persoas. Constataron ademais que o condutor acudira ao día seguinte do sinistro a dependencias policiais para denunciar a suposta subtracción do turismo, aínda que non chegou a formalizar a denuncia.

Para a identificación do condutor visualizáronse gravacións de diversas cámaras do centro de control do tráfico da Policía Local, así como doutros establecementos públicos. Tomouse declaración tamén a testemuñas e a investigación concluíu co recoñecemento dos feitos por parte do presunto autor.

Ademais, abríronse expedientes sancionadores por carecer de seguro de responsabilidade civil obrigatorio, con multa de 1.500 euros, e por non pasar a ITV no prazo debido, polo que se propoñen 200 euros de multa. O mozo foi denunciado tamén por conducir sen a dilixencia, precaución e non distracción necesarias, e por non facilitar a súa identidade aos outros implicados no accidente de tráfico.