O voraz incendio iniciado na mañá deste domingo no Polígono do Ceao quedou controlado pasado o mediodía pero aínda segue activo nunha nave industrial de pneumáticos. As chamas comezaron nas instalacións da empresa de pinturas Castro Parga, para posteriormente trasladarse a outras catro parcelas.
Segundo informa o 112, a magnitude do lume obrigou a baleirar de combustible unha gasolineira da zona de modo preventivo e a que a Xunta activase o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel 1, o que implicou o desprazamento de diferentes recursos do ámbito local e supralocal.
Ata o punto trasladáronse a alcaldesa da cidade, Lara Méndez; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o delegado territorial da Xunta, Javier Arias; e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, quen confirmou que, aínda que o vento facilitou o control do lume, aínda segue activo nunha nave de almacenamento de pneumáticos.
Na extinción das chamas traballan os bombeiros de Lugo e de Vilalba e varias motobombas do persoal contra incendios forestais de Monterroso, Becerreá e Chantada. Ademais, desprazouse ata o lugar un grupo de apoio loxístico da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) cun camión abastecedor para abastecer de auga ao resto de efectivos, así como membros de Protección Civil, da Policía Local e da Nacional. A pesar de que polo momento non se ten constancia de danos persoais, efectivos do 061-Urxencias Sanitarias de Galicia permanecen no punto de modo preventivo.
INICIADO AO REDOR DAS 6,40
Tal e como detallou o 112 Galicia, foi a Policía Nacional a que alertou sobre as 6,40 horas de que se rexistrou un lume no interior da nave de pintura de Castro Parga, que quedou totalmente calcinada. Posteriormente, segundo explicou o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, o incendio “pasou a outras naves” de almacenamento de pneumáticos –onde as chamas seguen activas–, recambios de automóbiles, rotativas dun xornal e a outras contiguas.
Villanueva incidiu en que, nestes momentos, “todos os medios están centrados na extinción e en evitar que se propague” o lume, polo que estima que “quedan horas de traballo de refresco e achegue de auga” para arrefriar a zona. Preguntado sobre a orixe das chamas, o director xeral situouno na área de almacenaxe de Castro Parga, pero a análise das causas estudaraas a Policía Científica “unha vez conclúan” os labores. Entón, tamén haberá “que avaliar a afectación das estruturas” das naves como consecuencia do lume e da calor acumulada.
GRAN COLUMNA DE FUME NEGRO
A gran columna de fume negro que emana do Ceao é visible desde a cidade Lugo e a varios quilómetros de distancia. Precisamente, isto impediu poder atacar o lume con medios aéreos, polo que se tivo que facer desde terra. Un dos “momentos críticos” do operativo, segundo Villanueva, foi o momento no que se temía que a nube tóxica se desprazase cara ao centro da urbe e afectase á calidade do aire. Con todo, dixo que “nestes momentos” non hai perigo de que ocorra grazas a que o vento sopra en dirección contraria.
O director xeral de Emerxencias e Interior aproveitou para “agradecer o traballo de todos os implicados” nos labores de extinción, o que inclúe a “empresas privadas” que axudaron co achegue de auga.
SUBDELEGADA DO GOBERNO
Pola súa banda, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, trasladou á alcaldesa e á cidade a “solidariedade” e o “total apoio” do Executivo estatal ante o “grave” incendio do Polígono do Ceao. Rodríguez tamén se desprazou ao momento para facer seguimento do operativo e manter contacto “directo” co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. Así mesmo, destacou o “gran labor” dos servizos de emerxencias para controlar o lume e evitar danos persoais.