Axentes da Policía Nacional detiveron a dúas persoas, un home e unha muller duns 30 anos con numerosos antecedentes, por dous roubos ocorridos a mediados deste mes de decembro na cidade de Lugo.
Segundo informa o corpo, o home é veciño da capital provincial e conta con máis de 25 detencións previas. Neste caso, o suposto furto produciuse o pasado domingo día 15, cando un local do centro tiña as persianas medio baixadas e se atopaba fóra de atención ao público.
Os dependentes do establecemento estaban xa cos labores propios do fin da xornada cando o home “se introduciu por baixo do enreixado metálico e subtraeu oito prendas de roupa valoradas nuns 300 euros“, indica a Policía Nacional.
O presunto delincuente foi visto no momento de abandonar o local por unha das traballadoras, que saíu correndo detrás del pero sen conseguir alcanzalo. Tras a correspondente denuncia, visionado de imaxes e as declaracións tomadas polos actuantes, púidose identificar o autor do ilícito “sen ningún xénero de dúbidas”.
ROUBO A UN MOZO NUN PORTAL
En canto á muller detida, os feitos remóntanse ao pasado martes 17 de decembro, cando un mozo que se dirixía ao seu domicilio foi abordado na rúa Rei don García.
A suposta autora do roubo indicoulle que se achegase ao portal de onde ela saía. Unha vez alí, sinala a Policía Nacional, a muller ameazouno dicíndolle que tiña unha pistola –aínda que non lla chegou a ensinar– e pediulle que lle dese “todo o que leva encima, diñeiro e móbil”.
Tras entregar todo iso, o mozo dirixiuse ao seu domicilio para relatar á súa nai o ocorrido e presentar a correspondente denuncia. Tras as pescudas realizadas polo corpo, a muller duns 30 anos, á que lle constan unha vintena de detencións anteriores por feitos similares, puido ser identirficada e impudata por roubo.