O PSdeG pediulle á Xunta que revise o reparto territorial do seu novo plan de residencias e que reforce a oferta pública na provincia de Lugo, ao considerar que a planificación anunciada non responde ás necesidades derivadas do envellecemento da poboación. Os socialistas cuestionan ademais o peso da iniciativa privada no programa autonómico e reclaman que as novas prazas se deseñen atendendo a criterios demográficos e sociais, e non ao partido que goberna cada concello. A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, o deputado provincial Pablo Rivera e a concelleira socialista en Lugo Ana Abelleira compareceron este mércores para defender un modelo de atención residencial baseado na proximidade, o arraigamento e a titularidade pública.
Méndez puxo o foco no anuncio de 25 novos centros por parte da Xunta e cuestionou que 23 deles estean previstos en concellos gobernados polo Partido Popular e que só catro correspondan á provincia de Lugo. “As residencias teñen que responder ás necesidades das persoas, dos concellos e do territorio, e non á política de quen goberne”, sostivo Méndez, que esixe coñecer os criterios empregados pola Administración autonómica para decidir tanto a localización dos centros como o reparto territorial das prazas.
A dirixente socialista lembrou que Lugo é, xunto con Ourense, unha das provincias galegas con maior envellecemento e considera que esa circunstancia debería ter un peso específico na planificación de novos recursos. Ao seu xuízo, a distribución anunciada xera dúbidas precisamente pola escasa presenza da provincia no plan. Méndez cuestionou tamén que arredor do 40 % das prazas previstas no novo programa sexan privadas e vinculou esta decisión co modelo de colaboración con empresas que, segundo os socialistas, predominou na política residencial da Xunta nos últimos anos.
O PSdeG defendeu fronte a este modelo unha rede de centros próximos e de dimensións axeitadas, concibidos “como espazos de vida e non unicamente como lugares de atención asistencial”. Méndez reivindicou a autonomía persoal e o envellecemento activo e que, cando unha persoa perde autonomía e precisa atención residencial, as administracións deben garantir unha resposta que permita manter, na medida do posible, o seu contorno e unhas condicións de vida dignas. Neste sentido, criticou que as residencias poidan acabar funcionando como simples lugares de “aparcamento” de persoas maiores e defendeu que deben converterse en fogares integrados nas localidades onde se sitúan.
O MODELO DA DEPUTACIÓN COMO ALTERNATIVA
O deputado provincial Pablo Rivera centrou a súa intervención na comparación entre o modelo autonómico e a rede de residencias impulsada pola Deputación de Lugo. Segundo os datos do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEX) citados polo socialista, a provincia conta actualmente con 54 residencias de maiores, das que 30 son privadas. Rivera asegurou que a Xunta leva máis de 17 anos sen construír na provincia unha residencia de titularidade e xestión integramente públicas e sostén que o novo plan autonómico non supón, ao seu xuízo, un cambio substancial de modelo.
O deputado provincial explicou que as catro novas residencias previstas para Lugo deben analizarse tamén desde o punto de vista do seu sistema de construción e xestión. Segundo sinala, a fórmula exposta pola Xunta contempla a participación de empresas privadas tanto na construción como na xestión dos centros, cunha parte das prazas vinculadas ao sistema público. Fronte a iso, Rivera reivindica a rede residencial da Deputación, iniciada en 2010 baixo a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro. Lembrou que a institución provincial asumiu esta política malia non ter a competencia legal en materia de residencias, ante o que os socialistas consideran “unha falta de resposta da Administración autonómica” e ante as características demográficas da provincia.
A Deputación dispón actualmente de nove centros en funcionamento e outros oito pendentes de apertura, segundo os datos achegados durante a comparecencia. Rivera destacou que a súa localización responde a criterios de dispersión territorial, despoboamento e envellecemento, con residencias situadas mesmo en concellos de menos de 1.000 habitantes. Outro dos elementos que o deputado provincial citou como diferencial é o arraigamento. O modelo da Deputación establece prioridade para as persoas vinculadas ao concello no que se atopa cada residencia, co obxectivo de facilitar que os maiores permanezan preto do seu contorno habitual, das súas familias e das súas redes sociais.
Rivera defendeu así mesmo o sistema de tarifas destes centros, baseado nunha ordenanza pública e progresiva que ten en conta a capacidade económica de cada usuario. “Coidar os maiores non é un negocio, é un dereito”, afirmou, reivindicando a intervención pública especialmente nunha provincia cun elevado nivel de envellecemento. O socialista sostén que o modelo debe garantir que unha persoa poida acceder a unha residencia aínda que non dispoña de recursos económicos suficientes para asumir o custo dunha praza privada e criticou que a oferta privada poida deixar fóra quen ten pensións máis baixas.
LUGO, CON 272 PRAZAS PÚBLICAS PARA MÁIS DE 20.000 MAIORES DE 65 ANOS
A concelleira do PSdeG en Lugo Ana Abelleira trasladou o debate ao ámbito da capital, onde denuncia a falta de novas residencias públicas durante as últimas décadas. Lembra que a residencia de As Gándaras foi construída en 1978 e asegura que desde entón “non se creou outro centro público destas características na cidade”. Segundo os datos expostos por Abelleira, Lugo conta actualmente con 272 prazas públicas para unha poboación que supera os 100.000 habitantes e na que viven máis de 20.000 persoas maiores de 65 anos. A concelleira considera insuficiente esta oferta e pediulle á Xunta que proxecte e constrúa unha nova residencia pública na capital. Tamén se referiu ás actuacións previstas nas residencias existentes e apoiou as demandas de mellora formuladas por usuarios e familiares para adaptar os centros ás necesidades actuais das persoas maiores.
Abelleira critica ademais que o Partido Popular rexeitase no pleno da Deputación unha iniciativa para reclamarlle á Xunta novas prazas públicas. Ao seu xuízo, esa posición pon de manifesto “a diferenza entre o modelo residencial que defende o Goberno autonómico e o que reclama o PSOE”. A socialista cuestionou igualmente o anuncio realizado pola alcaldesa de Lugo, Elena Candia, sobre unha residencia privada en Recatelo. Abelleira sinalou que a iniciativa pode xerar emprego e ampliar a oferta para quen poida acceder a ela, pero insistiu en que non debe presentarse como unha resposta equivalente á creación de prazas públicas.
