InicioSociedadeXulgan en Lugo un home ao que lle acharon máis de 16...

Xulgan en Lugo un home ao que lle acharon máis de 16 quilos de cocaína e 9,5 de heroína

A Fiscalía pide nove anos de prisión e unha multa de máis de 2,7 millóns de euros para o acusado, interceptado nun control da A-8 en Ribadeo e posteriormente rexistrado no seu domicilio de Vilanova de Arousa.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo xulgará este martes, 8 de setembro, ás 10.00 horas, un home acusado dun delito contra a saúde pública tras o achado de máis de 16 quilos de cocaína e arredor de 9,5 quilos de heroína, ademais dunha importante cantidade de resina de cannabis. A Fiscalía solicita para o procesado nove anos de prisión e unha multa de 2.753.380,52 euros, así como a inhabilitación para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena.

Segundo recolle o escrito fiscal, os feitos remóntanse ao 2 de outubro de 2025, cando axentes de Seguridade Cidadá da Garda Civil dos postos de Ribadeo, Mondoñedo e Barreiros estableceron un punto de control no quilómetro 506 da autovía A-8, ao seu paso por Ribadeo. Arredor das 11.10 horas, os axentes pararon e inspeccionaron un Audi A4 conducido polo acusado. Durante a revisión, detectaron unha modificación na zona do maleteiro á que se accedía desde a parte inferior do vehículo.

MÁIS DE CINCO QUILOS DE COCAÍNA NUN COMPARTIMENTO OCULTO

No interior do compartimento habilitado no automóbil, os axentes localizaron máis de cinco quilos de cocaína, distribuídos en varios paquetes e con diferentes graos de pureza. Tamén atoparon 4,8 quilos de resina de cannabis. A raíz desta intervención e das investigacións e antecedentes policiais relacionados co acusado, a Garda Civil obtivo autorización xudicial para realizar unha entrada e rexistro no seu domicilio, situado en Vilanova de Arousa, na provincia de Pontevedra.

HEROÍNA, COCAÍNA E CANNABIS NA VIVENDA

Durante o rexistro do inmoble, os axentes localizaron aproximadamente 9,5 quilos de heroína, varios quilos adicionais de cocaína e preto de 9,6 quilos de resina de cannabis. Deste xeito, entre o vehículo e a vivenda, a investigación sitúa a cantidade total intervida en máis de 16 quilos de cocaína, ademais dos 9,5 quilos de heroína e máis de 14 quilos de resina de cannabis. A operación permitiu tamén incautar diverso material que, segundo a acusación, estaría destinado ao tráfico de estupefacientes.

Entre os efectos intervidos figuraban unha máquina envasadora, bolsas e material plástico para o empaquetado das substancias e unha máquina para contar billetes. Na vivenda había ademais un sistema de videovixilancia de fabricación caseira, conectado a un equipo informático que actuaba como servidor e permitía controlar distintos accesos ao inmoble. Os axentes tamén interviñeron dous terminais telefónicos satelitais, 850 euros en efectivo e outros efectos relacionados coa actividade investigada.

EN PRISIÓN PROVISIONAL DENDE OUTUBRO DE 2025

O 4 de outubro de 2025 acordouse o ingreso do acusado en prisión provisional sen fianza. A Fiscalía considera que os feitos constitúen un delito contra a saúde pública na modalidade de substancias que causan grave dano á saúde. A droga intervida foi comisada e destruída, mentres que tamén se acordou o comiso dos efectos e do diñeiro incautado, incluído o vehículo Audi utilizado polo acusado. O procesado sentará agora no banco da Audiencia Provincial de Lugo cunha petición fiscal de nove anos de cárcere e unha multa superior aos 2,75 millóns de euros.

+ posts

ÚLTIMAS

Candia presume do éxito do Caudal Fest tras xuntar a “40.00 persoas”

O Caudal Fest pechou este fin de semana a súa oitava edición con preto...

O PP denuncia que Lugo sexa “a única provincia sen posto principal da Garda Civil”: “É unha discriminación máis”

Os senadores lucenses do PP, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano,...

A Fiscalía eleva a 12 anos e medio a petición de cárcere para o acusado de maltratar e agredir sexualmente a filla de 4...

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este luns o xuízo contra un home acusado...

Acusado de introducir droga no cárcere de Bonxe tras regresar dun permiso penitenciario

A Audiencia Provincial de Lugo acollerá o vindeiro venres a audiencia preliminar do caso...