A Audiencia Provincial de Lugo avalou nunha sentenza a obrigatoriedade de cambiar os apelidos a dous menores de Viveiro tras demostrarse mediante probas de ADN que non eran fillos biolóxicos do home que figuraba como pai. O auto ratifica así a resolución do Xulgado de Instrución número 2 de Viveiro, que xa fallara a favor do demandante, quen solicitara que os nenos deixasen de levar o seu apelido e empregasen só os da nai, ademais de eliminar a súa paternidade da inscrición de nacemento.
Nas dúas resolucións xudiciais prevalecen as probas periciais de ADN por riba da convivencia familiar, xa que, malia que os menores naceron durante o matrimonio, quedou acreditado que non existía vínculo biolóxico co demandante. Pola súa banda, a nai, que presentou recurso ante a Audiencia, argumentaba que non se debía excluír a paternidade porque o home mantivera relación de convivencia cos menores e advertía de que o cambio de apelidos podería causarlles problemas psicolóxicos. En todo caso, a decisión xudicial aínda pode ser recorrida en casación ante o Tribunal Supremo.
