InicioPolíticaA Deputación de Lugo aproba a licitación para polígono da Fonsagrada, por...

A Deputación de Lugo aproba a licitación para polígono da Fonsagrada, por máis de 2,6 millóns de euros

Segundo explicou a portavoz socialista do goberno provincial, Pilar García Porto, trátase dun proxecto estratéxico que permitirá impulsar o desenvolvemento económico da Fonsagrada, "un concello que ata agora carecía dun espazo adecuado para a implantación de empresas e a creación de emprego", como explicou

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Deputación de Lugo deu un paso decisivo para dotar á Fonsagrada de chan industrial e terciario, ao aprobar, na reunión da xunta de goberno, a licitación das obras de urbanización do polígono industrial deste municipio de montaña, cun orzamento superior aos 2,6 millóns de euros.

Segundo explicou a portavoz socialista do goberno provincial, Pilar García Porto, trátase dun proxecto estratéxico que permitirá impulsar o desenvolvemento económico da Fonsagrada, “un concello que ata agora carecía dun espazo adecuado para a implantación de empresas e a creación de emprego”, como explicou.

Ademais, García Porto lembrou que a Deputación acompañou este proxecto desde o inicio, financiando a redacción do plan con preto de 36.000 euros e asumindo unha achega de ao redor de 600.000 euros para a súa execución.

Con esta licitación, A Fonsagrada contará cunha infraestrutura crave para atraer actividade empresarial e fixar poboación na zona, contribuíndo á dinamización económica da comarca de montaña.

Os informes técnicos destacan que esta actuación terá un impacto multiplicador no interior da provincia, creando oportunidades para a economía local e facilitando a implantación de novos negocios.

O procedemento de licitación incorporará criterios que valorarán tanto a oferta económica como a calidade da memoria técnica presentada, xunto coa ampliación de garantías e propostas que poñan en valor as obras executadas.

“Queremos asegurar que esta actuación se realice con todas as garantías, con calidade e cunha visión de futuro, porque este polígono industrial é unha oportunidade real para un territorio que o necesita”, subliñou a portavoz.

OBRAS EN ESTRADAS

Noutra orde de asuntos, a Deputación de Lugo continúa co seu plan de estradas impulsando novas obras, neste caso cun investimento de máis de tres millóns de euros para a conservación de estradas de 15 municipios, a maior parte de zonas de Montaña, como A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Navia de Suarna, Becerreá, Cervantes, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, O Incio, Samos, Triacastela, Quiroga e Ribas de Sil.

García Porto explicou que, debido á complexidade do terreo nestas áreas, deseñáronse lotes independentes para facilitar unha xestión máis eficaz e adaptada ás particularidades de cada municipio.

Estes contratos terán unha vixencia inicial de dous anos, con posibilidade de prórroga por un ano adicional e teñen un investimento total de 3.048.332,19 euros.

Nesta liña de mellora de estradas, a Deputación tamén adxudicou as obras de mellora da LU-P-1301 en Pedrafita do Cebreiro por un importe de 386.880,92 euros, cun prazo de execución de seis meses desde o inicio das obras.

Os traballos, que executará a empresa Irmáns Pico Yañez SL, inclúen o acondicionamento dun tramo de 500 metros entre os puntos quilométricos 6,8 e 7,3, ampliando a calzada ata os 10 metros de ancho, mellorando a sinalización, a drenaxe e a integración paisaxística. Esta vía conecta Seoane do Courel con Pedrafita a través de Hospital e Vilela, sendo un dos eixos principais da montaña lucense.

COMPLEXO TURÍSTICO

En materia turística, a Deputación tamén deu un paso decisivo para a recuperación do complexo turístico Augas Mestas, situado en Quiroga, a beiras do río Sil, ao aprobar a licitación do contrato de equipamento por 171.497,15 euros.

O contrato contempla un prazo de execución de dous meses e divídese en dous lotes: un destinado a mobiliario xeral, equipamento para a piscina e melloras en vestiarios e aseos; e un segundo lote para a dotación de mobiliario de cociña e comedor, incluíndo forno de gas, lavalouzas, mesas e cadeiras.

“Estamos a cumprir co noso compromiso de devolver Augas Mestas á cidadanía, converténdoo de novo nun espazo de encontro e goce para as familias, á vez que dinamizamos a economía local, xeramos emprego e ampliamos a oferta turística da provincia”, concluíu García Porto.

CENTRO DE INNOVACIÓN TERRITORIAL

Finalmente, aprobaron o o convenio co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) para a posta en marcha dun Centro de Innovación Territorial (CIT) na provincia de Lugo, cun investimento conxunto de 850.000 euros.

García Porto lembrou que en abril se asinou en Ponferrada un protocolo entre o presidente da Deputación e a ministra Sara Aagesen para iniciar os trámites de adhesión de Lugo a esta rede, que agora se concreta cun convenio de catro anos de duración. O MITECO achegará 510.000 euros, mentres que a Deputación contribuirá con 340.000 euros en financiamento, recursos humanos e materiais.

Grazas a este acordo, Lugo pasará a formar parte da Rede Estatal de Centros de Innovación Territorial, o que permitirá compartir boas prácticas, xerar sinerxías con outros territorios e pór en valor o talento local no medio rural.

ÚLTIMAS

A Xunta inicia unha nova campaña arqueolóxica no Castro do Teso da Ermida, en Navia de Suarna

A Xunta de Galicia iniciou unha nova campaña arqueolóxica no Castro do Teso da Ermida,...

O PP de Lugo reclama unha aposta “decidida e exemplar” polo Servizo de Axuda no Fogar

O grupo municipal do Partido Popular en Lugo esixe ao goberno local unha aposta...

Investigan o suposto maltrato dun fillo ao seu pai ancián en Lugo

Axentes da Policía Local de Lugo iniciaron dilixencias para esclarecer un posible caso de violencia...

Identificado un ‘taxista pirata’ que facía traslados ilegais desde o HULA e ao que interveñen varias armas prohibidas

A Garda Civil identificou a un veciño de Lugo de 31 anos de idade, e con...