O xuízo contra J.O.V.S., acusado de asasinar a Cristina Cabo en Lugo en 2022, comezou a media mañá deste luns trala elección do xurado, que terá que decidir se o home é culpable de asasinato ou de homicidio, xa que cando foi detido confesou os feitos. O acusado, que chegou custodiado polos axentes, foi recibido por un reducido número de familiares que lle increparon á entrada da Audiencia, aínda que sen que se producise ningún altercado.
Á entrada, a responsable da Plataforma feminista de Lugo, Ana Torrón, amiga da vítima, criticou a liña da defensa en canto á defensa propia e asegurou que “Cristina Cabo era unha gran persoa, solidaria e ninguén se cre iso”. Neste sentido, pediu que a lei lle aplique a máxima pena “para poder sacar a este home das rúas”. Trinta anos de prisión é a pena que o Fiscal solicita a JUVS, autor confeso da morte de Cristina Cabo Buján, que será xulgado desde este luns na Audiencia provincial de Lugo por un xurado popular. Son tres días de xuízo, en xornadas de mañá e tarde, os previstos para este caso, que se centrará en dilucidar se o home, que confesou trala súa detención, é culpable de asasinato ou de homicidio, o que implicaría unha condena diferente.
Máis dura foi a intervención da avogada da acusación particular, que pide a mesma pena, e que definido ao J.O.V.S. como “un home violento, con intención de causar mal”. Así, explicou que o acusado non presentaba ningunha ferida, que era moito máis forte que a muller e que non había trastorno mental “porque sabía perfectamente o que facía”. A formulación da defensa, que molestou ao numeroso público presente na sala, foi a dun “home que creceu baixo a violencia, adicto ao alcol e as drogas, que non saíu aquela noite a matar, senón que se viu sorprendido por unha amaneza, cando Cristina sacou un coitelo, e se bloqueou asustado”.
A defensa recoñece os feitos, pero engádelle “matices á realidade” alegando defensa propia “porque foi Cristina quen sacou o coitelo” e porque foi un alleamento mental transitorio, “ao estar baixo os efectos do alcol e as drogas”. Esgrime tamén a atenuante de confesión, algo que a acusación rebate, xa que non confesou despois dos feitos, senón unha vez detido e descuberto. As primeiras testemuñas en declarar foron a irmá e o cuñado do acusado, tamén colombianos e cos que vivía cando sucederon os feitos. Ambos recoñeceron que a noite de autos, o home apareceu pasadas as 8.00 da mañá coa roupa ensanguentada, asegurando que se manchou cando atendeu a un home maior que caeu.
A irmá descubriu que o computador que tiña J.O.V.S., que el aseguraba “que o colleu nun mercadillo” tiña fotos de Cristina Cabo, que recoñeceu porque o caso se fixo moi mediático. Foi o matrimonio o que acudiu á Policía para denunciar o asasinato e, durante a sesión matinal, o debate centrouse nun traballo que lle saíu en León ao acusado polos mesmos días para dilucidar se isto é certo ou realmente quería fuxir. Pola tarde as declaracións iniciáronse coa amiga coa que estivo Cristina a noite dos feitos, antes de que coñecese ao acusado, nun pub. Foron xuntas ao teatro e logo esta marchou para casa. Recibiu unha chamada ás 8.44 da mañá seguinte de Cristina, que non contestou porque durmía. Tentou comunicarse con ela máis tarde, pero non recibiu contestación, polo que chamou á irmá da muller, que foi a que a atopou morta.
Tamén o fixo a irmá que atopou o corpo, defendendo a Cristina como “unha magnífica persoa” e asegurou que colaboraba con cinco ongs, que non era violenta e era moi atractiva e sociable, polo que descartou o feito de que lle ofrecese diñeiro ao acusado por sexo. Durante a súa declaración, o público abandonou a sala, xa que se proxectaron fotos do lugar do crime. Tamén declararon varios amigos da vítima, que seguiron achegando sobre o carácter aberto e amigable de Cristina Cabo. Numerosos familiares están a seguir o xuízo na Audiencia. A responsable da Plataforma feminista de Lugo, Ana Torrón, amiga da vítima, criticou a liña da defensa en canto á defensa propia e asegurou que “Cristina Cabo era unha gran persoa, solidaria e ninguén se cre iso”. Neste sentido, pediu que a lei lle aplique a máxima pena “para poder sacar a este home das rúas”.
OS FEITOS REMÓNTANSE A 2022
Os feitos remóntanse ao 1 de decembro de 2022, cando o acusado coñeceu á falecida –unha muller moi coñecida que rexentaba unha tenda de produtos ecolóxicos na rúa Mallorca–, nun local nocturno do centro histórico, e logo acompañouna a casa. No escrito fiscal deféndese que sobre as 8.00 da mañá, dúas horas despois de chegar ao domicilio, “produciuse unha discusión entre eles durante a cal Cristina Cabo colleu un coitelo de cociña pedíndolle que marchase”. Segundo o escrito, o acusado “non fixo caso da petición e asestoulle con esa mesma arma 47 puñaladas que provocaron un desangramento lento e finalmente a morte con gran sufrimento”. Mentres ela se desangraba, o home abandonou a casa tras subtraerlle un computador e unha bicicleta.
O corpo de Cristina foi atopado ao día seguinte pola súa irmá, que acudiu ao domicilio preocupada porque non contestaba o teléfono. Tras iniciarse a investigación, foi a irmá de JUVS a que o delatou, porque atopou entre as pertenzas do home, que vivía con ela, o computador. Tras ser detido, confesou o crime, pero achacou a agresión a un alleamento mental polo consumo de drogas e alcol. Para o Fiscal únense dous delitos, o de asasinato con aleivosía e ensañamento, para o que pide 25 anos, e o de roubo con violencia e intimidación, que son 5 máis. Ademais, reclama a indemnización por danos morais á familia da falecida por valor de 230.000 euros. Pola súa banda, a defensa reclama unha pena de 15 anos asegurando que non foi un crime premeditado e que o home sufría un trastorno mental causado polo consumo de estupefacientes e alcol e que actuou en lexítima defensa.